O peche da Cova das Choias, unha medida case sen precedentes

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

CARLOS RUEDA

A única cavidade natural cerrada ata agora no sur lucense está en Santalla de Lóuzara, no municipio de Samos

08 jul 2016 . Actualizado a las 21:53 h.

Cando a entrada da Cova das Choias quede pechada por unha reixa -unha medida que o Concello da Pobra do Brollón ten previsto tomar nos próximos meses-, esta cavidade converterase na primeira de Galicia que teña o acceso restrinxido coa finalidade de favorecer a conservación dunha colonia de morcegos. Non será a única gruta da comunidade pechada por unha porta, pero nos demais casos os motivos polos que se decidiu impedir a entrada libre foron moi diferentes.

No sur lucense hai un precedente na Cova do Carballo -na localidade de Santalla de Lóuzara, no municipio de Samos-, que foi pechada tamén cunha reixa no 2007 e que alberga igualmente unha colonia de morcegos. Pero o que se pretende protexer neste caso non son os quirópteros, senón as estalactitas e estalagmitas existentes no seu interior, que sufriron destrozos vandálicos en diversas ocasións. Para evitar que se seguisen producindo episodios deste tipo, a entrada da cavidade foi pechada por iniciativa da asociación cultural Fonte da Cova. A reixa, non obstante, permite que os morcegos saian e entren sen problemas.

 

Tamén en Mondoñedo

Por similares motivos de conservación foi pechada en 1976 a célebre Cova do Rei Cintolo, no municipio de Mondoñedo, que padeceu tamén repetidos espolios desde que en 1973 adquirise unha ampla fama grazas a un documental emitido por televisión.

Outros casos diferentes son os de Cova Eirós -no municipio de Triacastela- e a cova de Valdavara, situada en Becerreá, tamén cerradas con reixas. A protección aplicada ndestas cavidades débese ao seu valioso patrimonio arqueolóxico, que está sendo investigado dentro do proxecto «Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na bacía mediado Miño», iniciado no 2006.

Nas demais cavidades naturais existentes no sur da provincia non se tomou ata agora unha medida deste clase, pero o acceso tamén está restrinxido en todas aquelas que se encontran situadas dentro do territorio de Rede Natura, como sucede coas grutas calizas da Serra do Courel. Moitas destas covas sirven como refuxios de morcegos, ademais de posuir outros importantes valores ambientais e xeolóxicos. O plan director destas áreas naturais protexidas aprobado pola Xunta no 2014 obriga a solicitar permiso por adiantado cando se pretende visitar calquera das covas ubicada nesta zonas. A aplicación desta medida na provincia de Lugo foi criticada polo Espeleo Club de Descenso de Cañones, un colectivo que se queixou reiteradamente de que -ao xuízo dos seu membros- a tramitación das licenzas resulta demasiado lenta. O colectivo renunciou a realizar máis exploracións nas cavernas do Courel.

A igrexa de Pesqueiras alberga tamén unha colonia protexida de quirópteros

No municipio de Chantada existe un refuxio de morcegos considerado de valor ambiental e onde están limitadas as visitas, pero a súa natureza é totalmente diferente da da Cova das Choias. Trátase da igrexa románica de Santa Mariña de Pesqueiras, que está pechada ao culto desde 1968. No templo viven dous tipos de quirópteros. Un deles é o morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros), considerado como especie ameazada, e o outro é morcego común ou anano (Pipistrellus pipistrellus). Esta colonia está protexida oficialmente por unha cautela emitida pola Consellería de Medio Ambiente.

No templo non se celebran misas e habitualmente está pechado ao público, pero ábrese de forma esporádica con motivo das visitas organizadas dentro das rutas do románico da Ribeira Sacra. Desde hai varios anos, cada mes de agosto, acolle unha xornada cultural organizada pola Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada.

 

Visitas non problemáticas

Segundo a asociación conservacionista Drosera -que aconsellou ao Concello da Pobra do Brollón a restrición do acceso á Cova das Choias-, estas visitas non supoñen un risco para a conservación da colonia de morcegos, xa que se producen de forma controlada e estes animais poden soportar certo nivel de molestia.

A situación -engaden desde Drosera- é moi diferente na Cova das Choias, onde nos últimos anos as visitas aumentaron de forma considerable sen que houbese ningún control. A colonia de morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum) que alberga a gruta non só decreceu radicalmente, senón que os animais se viron obrigados a trasladar a súa zona de cría desde a entrada da cavidade, onde estaba inicialmente, a unha área máis recóndita.