Á espera da auga en Pantón

Rosana Prieto VOCEIRA BNG EN PANTÓN

LEMOS

18 jul 2018 . Actualizado a las 13:16 h.

Non haberá auga nas parroquias de Santiago e San Vicente de Castillón, nin en Santo Estevo do Mato «porque non é unha das prioridades» do Concello de Pantón, segundo a literalidade do votado esta semana polo Partido Popular no pleno municipal.

E ollo, temos diñeiro suficiente para facer tales obras, que o alcalde cifra en 500.000 euros, mais considera moito máis urxente e prioritario: arranxar o edificio do Concello, poñer xardineiras en Ferreira, comprar unha finca no Monte Baliño para ampliar o campo de fútbol, arranxar e aumentar as pistas e instalacións das piscinas, entre outras obras.

Isto é a linguaxe dos feitos, o demais son promesas para unha veciñanza que só lle interesamos en época electoral, e á que nos despreza tamén co abandono ao que nos ten sometida: temos unhas pistas en estado de descomposición, «os arredores non se mondan porque ao chover igual hai que volver mondar e por iso se agarda á metade de xullo para empezar coas rozas», manifestou neste pleno ante unha moción do BNG que solicitaba aos entes provincial e municipal o mantemento destas infraestruturas ben rozadas, por responsabilidade e prevención de accidentes e incendios.

É importante lembrarlle ao alcalde que quen vivimos nas aldeas temos o mesmo dereito que nos espazos urbanos, e que vivir na Ribeira de Atán, en Acedre, Espasantes, Castillón ou no Mato, por citar algunhas, non pode ser peor que facelo na capital municipal en canto a servizos e ao trato que nos debe o goberno municipal, cuxo titular habita tamén nunha aldea, algo que parece esquecer cando asina obras.