O Folión de Chantada, musealizado

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O festexo estará representado nas novas salas que prepara o Ecomuseo de Arxeriz

26 may 2018 . Actualizado a las 22:11 h.

A pesar de ser unha tradición secular e de grande popularidade, o Folión de Carros de Chantada non estivo ata agora representado en ningún museo etnográfico. A situación cambiará dentro de varios meses, xa que o Ecomuseo de Arxeriz -no municipio do Saviñao- vai reservarlle un espazo específico nunha das novas salas que está a preparar na actualidade. A fundación Xosé Soto de Fión, que rexenta o museo, sinala que esta sección albergará unha das maiores coleccións de carros tradicionais de Galicia.

Dado que o Folión de Carros consiste na recreación de escenas da vida cotiá, o museo aproveitará para representar simultaneamente o festexo e unha malla tradicional. «Mostraremos un carro do folión con personaxes que escenifican unha malla, para visibilizar ao mesmo tempo as dúas tradicións», sinala José Antonio Quiroga, o director do museo. Na preparación desta sección, o centro colaborará coa asociación chantadina Amigos do Folión.

Catorce tipoloxías

Nas novas seccións do museo exhibiranse carros procedentes de diversas partes do territorio galego e de distintos modelos. «En Galicia hai tres tipoloxías principais de carros, unha delas propia da maior parte do interior e das áreas costeiras, outra típica da montaña luguesa e outra da zona meridional de Ourense», explica Quiroga. «Pero cada unha delas ten diversas variantes e nós pretendemos reunir o maior número posible, de maneira que teremos sobre catorce tipoloxías de carro», agrega. Os responsables do museo estudan a posibilidade de exhibir tamén algúns carros tradicionais de Asturias e o norte de Portugal. Asemade, mostrarase ao público unha ampla colección de xugos.

Ademais dos carros, o museo ten previsto exhibir numerosos materiais gráficos e audiovisuais sobre estes vehículos, incluíndo o raro documental O carro e o home, realizado en 1940 polo etnógrafo Xaquín Lorenzo e o cineasta Antonio Román. «Tamén pretendemos que os visitantes do museo deixen os seus propios testemuños sobre os carros e sobre outros aspectos das actividades tradicionais do mundo rural», sinala Quiroga por outra parte. «Aínda non decidimos como se fará isto, pero probablemente usaranse gravacións sonoras ou audiovisuais», engade.

Un proxecto custoso que obriga a parar as escavacións no castro

A creación das novas salas e a adquisición de antigos carros e outras pezas suporá para o Ecomuseo de Arxeriz un investimento de arredor de 35.000 euros, segundo estima o director. Por este motivo, este ano non se levará a cabo unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas no castro situado nos terreos do museo, que está sendo investigado desde o 2013. A fundación Xosé Soto de Fión desenvolve todos estes proxectos con fondos propios.

O director do museo apunta a este respecto que a fundación decidiu centrar os seus esforzos na creación das novas salas dedicadas ao mundo do carro e deixar os traballos arqueolóxicos no castro para os próximos anos. «Pensamos que é máis urxente o rescate dos materiais de valor etnográfico, porque están desaparecendo en todas partes e non se pode esperar máis para salvalos», explica. «Pero por adiar durante un tempo as escavacións no castro non hai risco de sufrir unha perda», agrega.

Análises e publicacións

Quiroga indica por outra parte que isto non significa que as actividades relacionadas co castro queden totalmente paralizadas durante este ano. A fundación está actualmente á espera de recibir os resultados das análises de diversas mostras de materiais orgánicos -restos carbonizados e pole de cereal- recollidos nas escavacións, que se espera que axuden a datar a época en que foi ocupado o asentamento e a obter datos sobre a agricultura e a dieta dos seus habitantes. Ademais, está previsto editar un estudo sobre os achados feitos ata agora no castro.