«Marcharme neste intre é o mellor tanto para o Lemos como para min»

LEMOS

FEDERACIÓN GALEGA

O máximo dirixente da entidade considera que xa cumpriu unha etapa e di que ten que vir xente con novas ideas

25 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente do Club Lemos, Antonio Pérez, repasa o que foi a tempada da entidade. Analiza as razóns polas que descendeu o equipo e explica os motivos polos que o vindeiro xoves presentará a súa dimisión na asemblea de socios. Pérez agradece o recoñecemento que lle fixo o pasado xoves a federación galega e ademais comenta que poñerá todas as facilidades para os socios que asuman a xestión da entidade no tocante ao eido económico.

-¿Por que abandona o Lemos?

-Todo ten un principio e un final e considero que xa levo moitos anos no club, polo que entendo que non é bo nin para a institución nin para min seguir na presidencia. O mellor é que me marche e veña xente con novas ideas, que faga do Lemos un club máis ameno e que conecte coa masa social.

-¿Séntese fracasado polo descenso e pola mala campaña?

-Teño unha lixeira sensación de que fracasei, pero tiven moi mala sorte. De todos os xeitos, quero recordar que no meu haber hai tres ascensos á Terceira División. Nesta campaña as cousas non saíron ben, e dá a impresión de que todo se me fose das mans. O que mellor recordo que me queda da tempada foi a actitude dos futbolistas, que a pesar das dificultades entregáronse ao máximo, dándonos moitas tardes de gloria. Xogaron de maneira totalmente desinteresada.

-¿Como explica o descenso á Primeira Autonómica?

-Unha das causas foi a falla do ben chamado fondo de armario. O feito de presentarnos nalgúns partidos con once, doce e trece futbolistas pasounos factura. Os datos están aí. O Lemos foi o equipo da liga que máis encontros perdeu cumprido o minuto noventa, e iso é debido á falla de cambios. Nunha competición como a Preferente, a limitación de efectivos penaliza.

-¿Sente que lle fallaron ao Lemos?

-Despois do que vivimos este ano da a sensación de que o Lemos non interesa. Un exemplo é a Deputación de Lugo. Para esta institución este club non existe. Reunímonos varias veces cos responsables de Deportes, que nos prometeron axuda, pero que nunca chegou. Enganáronnos. Este organismo establece diferenzas no reparto de axudas, e de feito algúns non recibimos nada. Cando pides non o fas para ti, senón para un club da categoría do Lemos. E cando ves que ninguén se molla dá a sensación de que non interesa.

-¿Cal é o número real de socios?

-Contamos cun total de 450, dos que apenas se cobraron douscentos. Con esta cifra non se vai a ningún lado, e menos nunha Preferente. O Lemos ten que ter como mínimo entre cincocentos e seiscentos socios para que sexa viable. Considero que unha das principais actuacións que ten que levar a cabo a nova xunta directiva é a captación de novos abonados ou como mínimo, recuperar aos que deixaron de pagar a cota.

-¿Cal é a débeda real do Lemos?

-Estase falando moito do endebedamento e dos números do Lemos, pero teño que dicir que a situación financeira da entidade non é nada preocupante. Recuperando socios e facendo boas taquillas volveremos estar na liña correcta. A débeda está en torno aos 65.000 euros.

-Tendo en conta que vostede é ao que máis se lle adebeda, ¿facilitará que a nova xunta directiva lle devolva o diñeiro en cómodos prazos?

-Antonio Pérez non será obstáculo. Son lemista dende que nacín. Entrei na directiva con 23 anos, fun patrocinador con Torsum durante oito e directivo en catro etapas. Darme leccións de lemismo, poucas. Darei facilidades dependendo das persoas que asuman a dirección. Se se trata do entorno de xente que falou comigo, estarei disposto a colaborar.