«A división do voleibol monfortino fará que baixe a súa calidade»

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Martínez considera que o desexable sería que houbese un solo clube para manter o nivel que sempre houbo

18 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O voleibol monfortino contará de novo coa aportación de Manolo Martínez. Despois de anunciar a súa retirada definitiva, o artífice de que A Pinguela ascendera a elite nacional, regresa ao Ribeira Sacra para axudar no eido técnico a directora deportiva, Verónica Contreras. O adestrador deixa claro que o seu papel no clube será secundario. Martínez amosa a súa preocupación polo descenso de nivel do volei local, circunstancia que achaca a existencia de dous clubes.

-¿Por que regresa ao Ribeira Sacra?

-Volvo ao volei por unha petición expresa do clube e de Verónica Contreras, que me fixeron ver que o Ribeira Sacra necesita xente que reforce o apartado técnico. Aceptei, pero modificando as condicións que tiven na anterior etapa. Eu non exercerei de director deportivo, e limitareime a levar o equipo infantil feminino.

-¿Tiña gañas de volver?

-Non estaba nas miñas previsións, pero recoñezo que chego con ganas. Implicareime ao máximo e intentarei facelo o mellor posible. A miña adicación será total.

-¿Como definiría a situación actual do clube?

-O Ribeira Sacra está necesitado de adestradores. A preparadora que estaba o ano pasado tivo que deixalo por problemas persoais, e finalmente non tiña o nivel que esperaban dende a directiva, o que fixo que os equipos se resentisen nos adestramentos. Hai que recoñecer que o nivel do volei nos últimos anos foi alto, o que conlevou un traballo duro, pero hoxe está baixando.

-¿Por que?

-O feito de contar con dous clubes na cidade inflúe de maneira decisiva. O ideal sería contar con un só, que tivese máis conxuntos nos que xogase todo o mundo. Desta maneira poderíamos contar con bos equipos para competir ao máximo nivel, gañar campionatos galegos e ir aos nacionais. Se continuamos por esta liña penso que a calidade deportiva do volei baixará. Salvo o cadete do Ribeira Sacra, que mantén o nivel, considero que nos vindeiros anos será moi difícil que no ámbito federado poida haber un campión galego.

-¿Avogaría por unha fusión do Ribeira Sacra e do Korbis?

-Eu sempre falei nestes termos coa miña directiva e con técnicos do outro clube no ámbito particular. Se a min me preguntan, eu digo que a división baixa a calidade.

-Vostedes amosaron certo malestar coa directiva do Korbis nos últimos tempos.

-Molestounos que viñesen por tres rapazas do mesmo grupo e as convidasen a marcharse para o Korbis. Iso deume moita rabia. Nós nunca o faríamos. Se se queren ir por iniciativa propia perfecto, pero non nos gustou que viñesen por elas. O Ribeira Sacra ten as portas abertas para as xogadoras que queiran vir, pero nós non iremos buscalas á casa de ninguén.

-¿Como se presenta a vindeira campaña para o Ribeira Sacra?

-A idea é manter o número de equipos, e se podemos aumentalo. De feito, contaremos cun conxunto xuvenil masculino. O que queremos é que ninguén quede sen xogar, manter o nivel, sobre todo na categoría cadete, e seguir traballando con intensidade polo voleibol local.

-¿Que valoración lle merece o recoñecemento que a Xunta lle fixo a Consuelo Vara?

-Merecido. Chelo fixo un gran papel no colexio de San Antonio. Grazas ao seu traballo hoxe hai voleibol. Quero resaltar tamén que todas as persoas que están no Korbis pasaron polas escolas deportivas da Pinguela.