«A pintura e a música son traballos da imaxinación, pero son moi distintas»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Contreiras, que leva moito tempo residindo na comarca de Lemos, mostra as súas obras na Casa de Cultura

01 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa de Cultura de Monforte acolle ata o día 14 unha exposición de pinturas e debuxos de Messias dos Reis Vaz Contreiras, un artista angolano afincado en Monforte. Contreiras xa mostrou anteriormente outras obras súas na cidade e tamén no Saviñao, Chantada e Lugo. Ademais de pintar tamén compón música.

-¿Que tipo de obras poden verse nesta exposición?

-Son traballos ao carbón sobre papel e madeira e tamén acuarelas e acrílicos. Antes as miñas exposicións eran de obras que combinaban motivos característicos de Angola, Portugal e Galicia, pero esta é algo diferente, porque hai que variar. Neste caso hai retratos imaxinarios, figuras humanas con paisaxes e outras composicións que me custaría moito explicar o que son.

-¿Dedicouse a debuxar e pintar durante todo o tempo que leva residindo na comarca?

-Sí, desde que cheguei aquí estiven sempre facendo debuxos e pinturas e tamén fixen moitas exposicións. Esta xa é a sétima que presento en Monforte. Penso seguir pintando e expoñendo porque é moi importante para min.

-¿Que relación cre que pode haber entre a pintura e a música?

-Son dous traballos que se fan coa imaxinación pero que son totalmente distintos. O que teñen en común para min é que nacen dun sentimento e teñen que expresar ese sentimento. No caso da pintura, en cada trazo e cada punto e no da música, en cada nota e cada pausa.

-¿Que tipo de música compón?

-Música moi rítmica, como sambas e rumbas. A propósito, estou a procurar músicos coa idea de formar un conxunto. Quen estiver interesado pode contactar conmigo. Tendo en conta o tipo de música que compoño, creo que deberían ser músicos de estilo latino.

-¿Canto tempo leva vivindo na comarca de Lemos?

-Vin para Galicia en 1979 e instaleime en primeiro lugar en Escairón. Antes saíra de Angola en 1977 e estiven vivindo dous anos no norte de Portugal, en Chaves. Cando cheguei aquí púxenme a buscar traballo, o que entón non era nada fácil. E ademais, tiña que andar escondido.

-¿Por que motivo?

-Porque teño que confesar que entrei sen permiso. Nesa época España e Portugal aínda non formaban parte da Unión Europea e as fronteiras non estaban suprimidas. Despois regularicei a miña situación.