O BNG considera que é o momento para extender o paseo fluvial ata Ribas Altas

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

23 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«O paseo fluvual representa hoxe unha gran realidade, pero aínda incompleta». Con ese argumento como base, o BNG de Monforte anunciou onte que defenderá o acondicionamento como paseo das beiras do río entre o club fluvial e o barrio de Ribas Altas. Esa será unha das propostas que esta formación defenderá no pleno que a corporación monfortina celebrará mañá.

A portavoz municipal do Bloque, Pilar López, reclama do goberno local que dé comezo «as xestións necesarias co resto das administracións públicas para que ao longo deste ano se concrete un compromiso para habilitar partidas orzamentarias suficientes, nos orzamentos do ano 2018, para a súa execución material». En todo caso, o Bloque considera que debería ser o propio Concello de Monforte de Lemos o que se encargue de redactar o proxecto construtivo, independentemente de que administracións públicas sexan as que finalmente financien as obras.

A proposta que será debatida no pleno de mañá pídelle ademais ao equipo de goberno que poña en marcha un grupo de traballo con presenza de todas as forzas políticas «para comezar a facer realidade este proxecto».

Na actualidade, Monforte dispón de dous treitos de paseo fluvial, o máis antigo entre o a ponte da rolda urbana e o parque dos Condes e o máis recente enrte ese punto e Piñeira.