A historia da batalla de Repil será contada en setembro en Maastricht

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

XURXO AYÁN

As investigacións sobre o choque armado de 1949 en Monforte exporanse nun congreso europeo

22 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mes cúmprese o 68 aniversario da chamada batalla de Repil, un sangrento choque entre guerrilleiros antifranquistas e forzas da Garda Civil que tivo lugar na parroquia monfortina de Chavaga -no límite co municipio da Pobra do Brollón- o 20 de abril de 1949. Tal como se fixo nos últimos anos, mañá haberá un acto conmemorativo que se celebrará ás doce do mediodía nas ruinas da chamada casa de Amaro, unha das dúas vivendas onde se refuxiara un grupo guerrilleiro dirixido polo leonés Evaristo González Roces.

Coincidindo con esta conmemoración estase a preparar unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas no lugar onde se produciu o enfrontamento armado, que se levará a cabo na segunda quincena de setembro. Poucos días antes -entre finais de agosto e principios de setembro-, as investigacións realizadas ata agora acerca deste suceso histórico serán presentadas polo arqueólogo Xurxo Ayán nun congreso internacional sobre a arqueoloxía das guerrillas europeas que se celebrará na cidade holandesa de Maastricht.

Segundo explica Ayán, as primeiras escavacións que se realizaron en Repil o ano pasado recuperaron un número moi limitado de obxectos relacionados con aqueles acontecementos, entre os que se encontra un casquillo de bala. «Hai que ter en conta que só escavamos durante uns poucos días e que non chegamos ao nivel correspondente á epoca en que os guerrilleiros viviron na casa de Amaro», explica. «A familia propietaria da vivenda volveu ocupala nos anos 50 e a maior parte dos restos que encontramos ata agora corresponden a ese período», engade.

Novos vestixios

Nas escavacións deste ano está previsto profundizar máis no terreo e recuperar outros testemuños da presenza dos guerrilleiros en Repil. Mais a pesar de dispoñer por agora de poucos materiais deste tipo, Ayán di que no congreso de Maastricht haberá moitas cousas que contar acerca da batalla de Repil. «Dispoñemos de moita documentación escrita que foi localizada en diversos lugares, como o Archivo General Militar de Ávila e os arquivos históricos do Partido Comunista de España», apunta o arqueológo. Ademais, os investigadores que traballan neste proxecto recolleron o ano pasado importantes testemuños orais entre os veciños das localidades próximas ao lugar dos feitos. «Por exemplo, gravamos unha entrevista cun veciño de Chavaga que traballara como garda do paso a nivel de Repil cando era aínda moi novo e que presenciou todos os feitos», sinala Ayán a este respecto. O seu testemuño foi recollido xusto a tempo, porque este veciño faleceu o pasado Nadal.

A historia deste violento episodio da posguerra na comarca de Lemos será presentada en Holanda xunto con investigacións sobre outros feitos bélicos ocorridos no século pasado en diversos países europeos, como Italia, Grecia, Irlanda, Finlandia, Noruega e Lituania.

Unha casa que serviu de refuxio aos guerrilleiros e foi abandonada a principios dos 60

A casa de Amaro, onde se levan a cabo as investigacións, quedou abandonada cando o último membro da familia que a ocupaba emigrou aos Estados Unidos a principios dos anos 60. Durante a década anterior a vivenda estivo habitada, despois de que os seus donos cumprisen condenas de varios anos de cárcere por ter dado acubillo ao grupo antifranquista. No enfrontamento morreran catro guerrilleiros e dous membros dunha familia residente no cercano lugar do Pericallo que tamén prestou axuda aos combatentes.

Ao reocupar a casa, os propietarios taparon o piso orixinal -de simple terra batida- con baldosas de cemento decoradas, dun tipo que se empregou con frecuencia nas construcións da comarca de Lemos durante ese período. Por debaixo deste pavimento, os arqueólogos esperan encontrar obxectos utilizados no seu día polos ocupantes da vivenda, incluídos os guerrilleiros de Evaristo González.

Un proxecto amplo

As intervencións realizadas en Repil están relacionadas co proxecto arqueolóxico do castro de San Amaro, promovido pola comunidade de veciños da parroquia de Cereixa -na Pobra do Brollón-, cuxo límite está a moi pouca distancia de Repil. A iniciativa, por outra parte, encádrase nun proxecto máis amplo sobre a arqueoloxía das guerrillas antifranquistas galegas no que tamén participa Xurxo Ayán. Os investigadores teñen previsto escavar antigos refuxios guerrilleiros en Valdeorras e no municipio coruñés de Carnota.