Acusan ao PP de bloquear a propósito a apertura das rutas dos catamaráns

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

23 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A deputada provincial socialista Pilar García Porto acusa ao PP de bloquear «intencionadamente» a posta en marcha das rutas turísticas dos catamaráns do Miño e do Sil, que estaba prevista inicialmente para o 1 de abril. Segundo García, os populares decidiron absterse na votación dunha proposta do equipo de goberno para abrir un proceso de selección de persoal deste servizo «sabendo que deste xeito non ía saír adiante».

A votación produciuse nunha reunión do consello de administración de Suplusa na que o goberno provincial propuxo convocar un proceso de selección de persoal «aberto a todos cidadáns», segundo afirma García Porto. O BNG votou en contra despois de que fose rexeitada unha enmenda que presentou para que se mantivese o persoal da temporada pasada. Como ademais o PP se abstivo, a proposta non puido aprobarse xa que os estatutos de Suplusa establecen que todos os asuntos tratados polo seu consello de administración deben ser aprobados por maioría absoluta.

García Porto afirma que aínda que os catamaráns non poidan comezar a navegar o primeiro de abril «funcionarán en Semana Santa si ou si». O goberno provincial está elaborando un prego para a concesión deste servizo.