«Para o ano que vén gustaríame tomar parte no campionato mundial»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

JOSÉ M. MARTÍN

A atleta paralímpica do Saviñao logrou o terceiro posto no torneo de España por autonomías formando parte dun equipo de catro deportistas galegos

22 mar 2017 . Actualizado a las 22:40 h.

A pasada fin de semana, Nuria López Fernández -natural do Saviñao e residente en Madrid, onde traballa para a compañía Airbus- conseguiu un novo triunfo no terreo do atletismo para persoas con discapacidade física. Integrada nun equipo con outros tres deportistas galegos das provincias da Coruña e Pontevedra, clasificouse no terceiro posto do campionato de España por autonomías. O ano pasado ocupou o primeiro posto na carreira Liberty e na fase española da competición Life World Run correndo nunha carreira de rodas.

-¿Que supón este resultado para vostede?

-Quedei contentísima porque este inverno pasei por unha temporada moi mala. Tiven varias avarías na miña cadeira de atletismo e estiven moito tempo sen poder adestrar. Estaba moi frustrada, pero este resultado animoume moito. Foi a miña primeira carreira en cadeira de atletismo e chegar a esa posición foi moi estimulante.

-Tras os triunfos do ano pasado queixábase do que lle custaba conseguir equipamento. ¿Mellorou a situación nese sentido?

-O que quería conseguir era unha cadeira de atletismo e unha handbike ou bicicleta de paraciclismo, que teñen un prezo moi elevado. Pero agora estou centrada no atletismo e deixei de lado a bicicleta. Xa teño unha cadeira de atletismo, que comprei de terceira man por mil euros, e xa gastei outros 2.000 en reparacións. E para aforrar, desmonteina e pinteina eu mesma.

-¿Non hai axudas oficiais para estas práticas deportivas, sendo tan caros os equipamentos?

-Non hai ningunha axuda. Levo tempo buscando patrocinadores privados, pero aínda non encontrei ningún. Gustaríame conseguir o apoio dalgunha empresa da comarca de Lemos, porque os gastos son moi altos.

-¿Encóntrase con moitos problemas á hora de adestrarse?

-Nese aspecto estou moito mellor que hai un ano. Agora teño unha adestradora especializada, Isa Hurtado, que me animou moito a participar no campionato de España. E tamén teño acceso en Madrid a unhas instalacións especializadas coas que estou moi contenta. Antes preparábame simplemente correndo polas rúas cunha cadeira de rodas. Tomeime uns días de descanso despois da última competición, pero normalmente vou adestrarme a diario, de luns a domingo.

-¿Que proxectos ten agora no terreo deportivo?

-De momento teño moitas citas para os próximos meses. O 30 de abril vou correr na carreira popular de Chantada. En maio estarei noutras competicións en Valencia, Barcelona, o País Vasco e na carreira Liberty de Madrid.O 29 de xuño vou participar en Burgos no campionato de España por clubes, que é unha competición diferente do campionato por autonomías. De cara ao ano próximo gustaríame competir no campionato mundial. Para iso necesito moita preparación, pero xa conto con marcas que son boas para aspirar ao mundial.

-¿Cando vai visitar á súa familia no Saviñao continúa cos seus adestramentos?

-Si, e para iso utilizou as instalacións do circuíto de carreiras da Pinguela, en Monforte. A verdade é que están moi ben, incluso mellor que as instalacións que utilizo para prepararme en Madrid. Volverei adestrarme na Pinguela esta Semana Santa.