«En Galicia contamos cunhas 6.000 licenzas de taekuondo»

LEMOS

CEDIDA

O máximo mandatario da federación destaca o apoio municipal ao torneo galego que se disputa en Monforte

26 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Federación Galega de Taekuondo, Juan Carlos Eiriz López, estará presente hoxe en Monforte con motivo da celebración do torneo autonómico. O máximo mandatario da institución xustifica a elección da cidade do Cabe para organizar o campionato no respaldo do Concello e no gran traballo que está facendo o Ximnasio Neka. Eiriz convida aos afeccionados a que acudan ao pavillón da Pinguela para presenciar un gran espectáculo. O presidente tamén felicita ao clube que dirixe José María Vega polo crecemento que experimentou nos últimos anos, que o coloca con máis de 150 licenzas federativas.

-¿Por que elixiron Monforte para organizar o campionato?

-A sede elíxea a comisión delegada, e se nesta ocasión apostou por Monforte foi polas importantes facilidades que nos da o Concello e polo gran traballo que está facendo o Ximnasio Neka, que é encomiable. Supón un importante espaldarazo para un clube que se está convertendo nun dos punteiros de Galicia.

-¿Sorpréndelle a evolución do Ximnasio Neka?

-Para nada, porque coñezo o que traballa José María Vega. O seu labor é impagable, e grazas a ela estamos falando dun equipo que conta con máis de 150 licenzas. Hai que destacar o gran nivel competitivo que teñen os seus deportistas. Xa estamos falando de campións de España e de moitos medallistas. Tamén quero agradecer aos pais a confianza que depositan en José María e a gran colaboración que prestan. A proba do gran traballo que fai é que ocupa o posto de seleccionador galego.

-¿Como se presenta o campionato?

-Con moitas expectativas. Hai que ter en conta que este torneo traerá hoxe a Monforte a uns trescentos deportistas, número ao que hai que engadir ao público que tamén se desprazará ata aquí para apoialos dende as gradas do pavillón da Pinguela. Os afeccionados poderán ollar un gran nivel, porque os taekuondistas veñan buscar as medallas e o seu pasaporte para o campionato de España.

-¿Goza de saúde o taekuondo galego no ámbito nacional?

-Os resultados falan por si solos. O taekuondo galego está moi arriba. No pasado campionato de España fomos segundos en feminino, masculino e na clasificación xeral. Só nos superou Madrid. En Galicia contamos cun total de 6.000 licenzas, número que queremos superar neste 2017.

-Vostede leva dous anos ao fronte da federación, pero como vicepresidente estivo outros doce, ¿cales son as vindeiras liñas programáticas dentro da súa xestión?

-Conseguir que os nosos taekuondistas entren no ránking mundial. De feito xa temos algúns adestrando en centros de alto rendemento en Madrid e Barcelona. Buscamos que poidan competir nun mundial e nos xogos olímpicos. Outro dos nosos obxectivos é promocionar o taekuondo no ámbito escolar e popular.

-Deixou o listón moi alto a anterior presidenta.

-Mercedes Barrientos fixo un labor excelente. O taekuondo galego despegou con ela na presidencia.

-¿Que mensaxe lle traslada aos lectores e afeccionados ao taekuondo?

-Eu convídoos a que acudan tanto pola mañá como pola tarde ao pavillón da Pinguela, porque gozarán co espectáculo que aí ofrecerán os deportistas. Para nós e unha honra estar en Monforte celebrando este campionato galego.