Comadres deportadas e reivindicativas

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Os problemas internacionais e locais foron satirizados de diversas formas na comarca de Lemos

24 feb 2017 . Actualizado a las 21:55 h.

Donald Trump seguramente non o sabe, pero tivo un papel importante no carnaval da comarca de Lemos. A súa presenza xa foi notable no Xoves de Compadres e onte volveu inspirar algúns conxuntos do Xoves de Comadres. Destacou neste aspecto o da praza do Concello de Sober, onde un tractor con pa e remolque foi utilizado para levar a cabo unha deportación masiva de comadres ordenada -segundo explicaban algúns letreiros- polo alcalde «Guitián-Trump» a fin de conseguir que a poboación do municipio estea formada unicamente por «machos». Na rúa monfortina Doutor Casares, entretanto, as comadres puxeron gorros de cor rosa para sumarse as manifestacións de mulleres organizadas nos Estados Unidos contra a misoxinia e a xenofobia do novo presidente.

No barrio de Rioseco, as comadres adoptaron tamén un ton reivindicativo, pero neste caso para protestar contra os apagóns rexistrados no sur lucense e noutras partes de Galicia durante os últimos temporais. As figuras exhibiron pancartas de contido crítico alusivas ás compañías eléctricas mentres suprían a falta de calefacción queimando leña nun par de bidóns. Tamén houbo protesta na parroquia de Ribas Altas, onde as figuras carnavalescas se disfrazaron da princesa do filme Frozen para queixarse pola «conxelación» dos investimentos e das obras públicas na zona.

Na rúa Cardeal, xunto a unha locomotora de cartón, as comadres celebraron burlescamente a suposta chegada da alta velocidade ferroviaria a Monforte. Na entrada do centro multiusos, un trío de figuras aludiu aos problemas xudiciais da infanta Cristina de Borbón, Isabel Pantoja e a exministra Ana Mato.

 

Outros motivos

Pero non todo foron protestas nesta xornada de entroido. No centro Prodeme, as comadres parodiaron varias coñecidas películas que presuntamente foron producidas por Vaca Films, a firma responsable do filme El desconocido, do director monfortino Dani de la Torre. Na rúa Comercio, unha comadre solitaria asumiu a personalidade da modelo Antonia dell’Atte, que o ano pasado deu moito que falar coa súa visita á Ribeira Sacra. A moi pouca distancia deste lugar, na ponte vella, outra comadre representou un personaxe moi distinto, o de Rosalía de Castro, de quen hoxe se celebra precisamente o 180 aniversario.

As comadres da parroquia de Distriz, por outro lado, mantivéronse fieis ás recreacións etnográficas e representaron a un grupo de mulleres lavando no río, nunha traballada escenografía que incluía un estanque con auga e pedras.

Vinte premios no certame municipal

A parroquia de Distriz e a asociación veciñal do barrio de Rioseco foron premiados por partida dobre no certame municipal do Xoves de Comadres de Monforte. A primeira levou o primeiro premio da categoría colectiva de barrios polo seu conxunto Lavando no río, que tamén recibiu o galardón á etnografía. O colectivo de Rioseco quedou en segundo lugar no mencionado apartado co grupo de comadres presentado baixo o título Con aire fresco, que levou ademais o premio á critica social.

Nesta categoría houbo tamén outro primeiro premio, que recaeu na asociación Prodeme pola composición Vaca Films... rodando!, e outro segundo premio, concedido á parroquia de Ribas Altas polo conxunto Xear xeou. O xurado concedeu ademais tres accésits a 20 aniversario do Craega, do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia; First dates, da asociación Agora, e Fuera Trump, da perruquería A Internacional.

Outras categorías

No apartado individual de barrios, o primeiro premio recaeu en El Ave pasará por Monforte, unha montaxe preparada por Pablo García Castro e exposta diante do centro de maiores de Afundación. Nesta categoría outorgáronse dous segundos premios, un para El Trío ‘Por Amor’, da asociación Auxilia, e outro para A tonta do bote, de Sara e Noa González Fernández. Houbo así mesmo dous accésits para Rosalía no Cabe, de Rebeca Galván Segura, e As co-madriñas, da Residencia de Maiores do Malecón. Na categoría reservada para concursantes individuais, por outro lado, concedeuse unicamente un primeiro premio a Antón y la doctora Juguetes, de Antón López González.

En canto aos centros de ensino, na categoría colectiva ?para grupos de máis de dúas comadres?, o único premio que se outorgou foi o primeiro, que foi para 60 aniversario TVE, do Colexio Ferroviario. No apartado individual, o primeiro premio recaeu en Dona Horta, do colexio A Gándara. Houbo tamén dous segundos premios para Princesa Leia, da anpa A Lagoa do Colexio Novo, e Trolls, do colexio Fundación Torre de Lemos. Concedeuse ademais un accésit a Ladidog, do colexio Escolapios.

Como é habitual, os participantes no certame concentráronse ás cinco e media da tarde na praza de España onde foron queimados os bonecos despois da lectura do fallo do xurado. O programa das festas culminará co desfile de comparsas do Martes de Entroido, que comezará ás cinco da tarde na praza da Estación. Os grupos que queiran participar no certame municipal poden apuntarse ata as dúas da tarde de hoxe.

O Xoves de Comadres tramén foi celebrado onte pola tarde no Saviñao. Un grupo de medio centenar de rapaces asistiu na praza do Concello de Escairón á queima dun conxunto de bonecos que elaboraron o día anterior na biblioteca pública local.