As microrreservas de orquídeas do Courel, un modelo de xestión para toda Galicia

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Os promotores da creación destas áreas protexidas en terreos privados piden á Xunta que siga o seu exemplo

23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As microrreservas de flora creadas no 2015 na Serra do Courel poden servir como modelo para a Xunta á hora de establecer outras áreas naturais protexidas de pequena extensión no resto de Galicia. Así o pensan os responsables da Asociación Galega da Custodia do Territorio (AGCT) -impulsora da creación destas reservas-, que onte mantiveron unha entrevista en Santiago coa directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz. O motivo do encontro foi falar acerca da nova lei galega do patrimonio natural, que por primeira vez recoñecerá legalmente as microrreservas naturais.

O que ten de especial a experiencia levada a cabo no Courel é que as microrreservas foron creadas en terreos privados, pertencentes a dúas comunidades de montes e a un particular. As outras microrreservas fundadas ata agora en Galicia -no municipio de Melide e na Costa da Morte- están en terreos de titularidade pública. «Nas terras de propiedade privada é máis difícil que a administración poida actuar para establecer áreas naturais protexidas porque se precisa o permiso e a colaboración dos propietarios», apunta Martiño Cabana, membro da AGCT. «No Courel negociouse cos donos das terras, explicouselles o interese que pode ter esta iniciativa para a conservación do medio natural e para o turismo, e ao final chegouse a un acordo satisfactorio», engade.

Unha experiencia exitosa

En vista do éxito desta experiencia, os integrantes da AGCT consideran que pode ser útil para planificar a creación e a xestión outros espazos naturais protexidos en terreos privados. «As microrreservas da Serra do Courel están funcionando ben e por iso cremos que o modelo que se seguiu aquí poder ser un bon exemplo para aplicar outros lugares», sinala Cabana.

Os representantes da asociación consideran que a nova lei de protección do medio natural debería tomar en conta este precedente e prestar moita atención á necesidade de implicar ás poboacións locais nesta clase de proxectos. Na reunión mantida onte con Ana María Díaz -agrega Martiño Cabana- falouse das microrreservas galegas en xeral, pero incidindo especialmente no caso da Serra do Courel, en atención á súa singularidade.

Actividades de divulgación e limpeza periódica de maleza

De cara á próxima primavera, a ACGT pretende organizar unhas xornadas divulgativas sobre as microrreservas de orquídeas do Courel. A idea consiste en realizar visitas guiadas cando as plantas se encontren en plena floración. Aínda non se fixaron datas concretas, pero as actividades levaranse a cabo probablemente no mes de maio, a época na que estas plantas resultan máis visibles.

Por outro lado, a asociación ten previsto limpar a maleza nestas zonas protexidas para facilitar a conservación das orquídeas. Para realizar esta tarefa é posible que se solicite a axuda da Xunta. As actuacións deste tipo constitúen a parte principal do labor de mantemento das microrreservas, que non precisan de coidados importantes. As áreas onde medran as orquídeas son prados calizos que antes se utilizaban como terreos de pasto. A desaparición das actividades gandeiras deu pé a que se enchesen de matogueiras, polo que é preciso actuar de forma periódica para suprir a función de limpeza que antes cumprían as reses.

Tal como están planeadas as microrreservas de flora -sinalan desde a AGCT-, os labores de conservación non resultan moi complicados nin custosos. Basicamente, trátase de conseguir que estas zonas de extensión reducida se manteñan tal como estiveron ata agora e que non sufran agresións.

Alegacións á nova lei galega do patrimonio natural

A Asociación Galega de Custodia do Territorio comunicou á Xunta que aínda que cualifica como moi positivo o recoñecemento legal das microrreservas ten previsto presentar varias alegacións ao proxecto da nova lei do patrimonio natural. Un aspecto que o colectivo considera de especial importancia é que o borrador fala das microrreservas como áreas protexidas temporais. «Isto é algo que nos parece estraño e nas alegacións sinalaremos que estas zonas de protección deben ser permanentes», indica Martiño Cabana.

Por outro lado, a AGCT apunta que as microrreservas deben recibir especial atención na lexislación medioambiental por ser considerablemente máis fáciles de xestionar que outras áreas naturais protexidas de maior extensión. «Cando se trata de zonas de mil ou dúas hectáreas de superficie é moi complicado actuar dunha maneira eficaz para conservar as comunidades vexetais ou animais, polo que en moitos casos estas figuras de protección existen legalmente sobre o papel pero teñen moi pouca repercusión real sobre o terreo», comenta Cabana.

As catro microrreservas de flora do Courel teñen en conxunto menos de cinco hectáreas de extensión. Os promotores da súa creación pensan que con este tamaño resulta moito máis factible actuar para que poidan cumprir a súa finalidade principal, que é asegurar a conservación de varias especies de orquídeas silvestres moi pouco comúns no resto de Galicia.