Un valioso conxunto artístico á espera de saír á luz na igrexa de Pinol

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

A restauración do templo, que entra na primeira fase, recuperará pinturas renacentistas ocultas polo cal nos muros

26 feb 2017 . Actualizado a las 18:13 h.

A igrexa de San Vicente de Pinol é coñecida por ser unha das poucas de orixe románica do municipio de Sober. O Concello soberino espera que dentro dalgún tempo adquira ademais unha ampla fama polas súas pinturas renacentistas, que están ocultas na súa maior parte polas camadas de cal que cubren os muros interiores. Para poñer ao descuberto todo este conxunto pictórico, non obstante, aínda haberá que esperar. Antes será preciso executar a primeira fase da restauración do templo -na que a Consellería de Cultura investirá 205.000 euros-, que deberá atender outras prioridades.

Segundo explica o alcalde Luis Fernández Guitián, nesta primeira fase repoñerase a cuberta do edificio e eliminaranse as filtracións de humidade que foron detectadas nos muros e no pavimento. Tamén serán restauradas algunhas pinturas que se conservan nas vigas principais do artesonado do teito, que destaca pola súa calidade construtiva e o seu estado de conservación. Estas pinturas parecen datar da mesma época que os murais, isto é, do século XVI. A intervención comprenderá ademais o arranxo dunha escaleira de acceso ao campanario e dun rosetón situado na fachada principal da igrexa.

As obras da primeira fase da restauración foron anunciadas durante unha visita que realizou ao municipio o pasado sábado o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e probablemente serán licitadas en marzo. Máis adiante haberá que planificar a restauración dos murais, unha actuación para a que aínda non se realizou un estudo previo. «Pero os técnicos que examinaron a igrexa xa sinalaron que as pinturas presentan un estado de conservación excelente e que ocupan unha superficie moi grande», apunta o alcalde.

A restauración da igrexa de Pinol foi solicitada xa hai tempo polo Concello de Sober á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. «En resposta a esta petición fíxose un estudo sobre o estado de conservación da igrexa e foi entón cando os técnicos repararon na importancia do artesonado, algo que non se tivera en conta ata entón», sinala Fernández Guitián.

Actuacións previas

O proxecto de restauración da igrexa de Pinol ten poucos precedentes no municipio de Sober. As actuación máis importantes levadas a cabo neste aspecto consistiron na restauración das pinturas murais da igrexa de Proendos e na renovación da cuberta do santuario de Cadeiras.

Un edificio de orixe románica que garda un singular testemuño da viticultura do século XVII

Xunto coa igrexas de de Lobios e Proendos, a de Pinol é o monumento románico máis importante do municipio de Sober. Os tres templos forman parte desde hai anos das rutas do patrimonio románico que organiza o consorcio turístico da Ribeira Sacra. Pero aparte das importantes mostras de escultura medieval que se conservan no interior e no exterior, a igrexa de Pinol encerra outro peculiar elemento artístico e histórico.

Un retablo barroco gardado na igrexa está decorado con motivos vexetais que hai algúns anos chamaron a atención dun equipo de investigadores que traballaban nun proxecto impulsado pola Misión Biológica de Galicia. O motivo é que estas tallas reproducen con grande exactitudad uvas e follas de vide da variedade albarello. Constitúen polo tanto un valioso documento iconográfico da presenza deste tipo de vide no territorio da Ribeira Sacra no século XVII.

Os responsables municipais de Sober confían en que o proxecto de restauración que está a punto de comenzar recupere un conxunto artístico de grande importancia que se engadiría a estes outros valores que conserva a igrexa, situando a San Vicente de Pinol nun lugar especialmente destacado do patrimonio histórico da Ribeira Sacra.