«É fundamental para os nosos maiores e para fixar poboación»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso TRABADA / LA VOZ

LEMOS

18 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mayra García, alcaldesa de Trabada (PSOE), ten clara a prioridade coa nova residencia: «A miña satisfacción sería que os meus veciños teñan prazas, e que os prezos lles permitan acceder a elas coas súas pensións, que por certo, de media son as máis baixas da Mariña. Eu presenteime a alcaldesa de Trabada e o que quero son cousas para Trabada e para os seus veciños. Das prazas que haxa (30 na residencia e 20 no centro de día), o primeiro e darlle servizo aos nosos veciños, e despois, se non se cobren todas, amplialo ao resto».

-E cales son os prazos cos que traballan para a súa apertura?

-Solicitouse á Xunta o PIA (Programa Individual de Atención) do centro de día e da residencia en outubro e novembro, e estamos á espera. Ten de prazo seis meses, para dicirnos no seu caso as cousas que hai que corrixir. Así que no primeiro semestre de este ano non vai abrir.

-Ata que punto é importante para Trabada?

-É unha infraestrutura e un servizo estratéxico. Dende o Concello de Trabada temos que agradecer que o goberno socialista da Deputación elixira Trabada para facer unha residencia, polo perfil de poboación envellecida que temos e porque se creará un servizo próximo que contribúe ademais a dinamizar os pobos pequenos.

-Polos postos de traballo.

-Certo. A maiores do servizo ás nosas persoas maiores vaise crear traballo, que é a mellor fórmula para fixar poboación no rural. E máis en Trabada, que na última década é o concello da Mariña que máis poboación perdeu.