O xurado de Monforte concedeu 22 premios antes da queima

f. a. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Un grupo de compadres instalado no edificio multiusos de Monforte reclamou máis respecto para as prazas de aparcamento reservadas aos discapacitados
Un grupo de compadres instalado no edificio multiusos de Monforte reclamou máis respecto para as prazas de aparcamento reservadas aos discapacitados ROI FERNÁNDEZ

O concurso municipal de bonecos carnavalescas encheu de público e de figuras coloridas a praza de España

17 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A praza de España de Monforte abarrotouse onte pola tarde con motivo da entrega de premios do certame municipal de compadres, no que se repartiron en total 22 galardóns. Na categoría de etnografía houbo un único premio para o grupo A malla na aldea, da parroquia de Distriz. No apartado de crítica social concedeuse tamén un só premio, que recibiu o conxunto Estamos fodidos, do barrio de Rioseco.

No apartado colectivo de barrios, o primeiro premio recaeu na xa mencionada parroquia de Distriz. O segundo outorgouse por partida dobre aos grupos As verbas do mandamáis, da parroquia de Ribas Altas, e Especial Masterchef, da asociación Prodeme. Houbo ademais tres accésits, que se concederon respectivamente a Os compadres saudables, do colexio A Gándara; La separación de Trump, da perruquería A Internacional -na rúa do Morín-, e o referido conxunto de Rioseco.

En canto á categoría individual de barrios, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio á composición Breaking the wall, da asociación Agora, que foi colocada diante da capela de Carude. Neste apartado concedéronse tamén dous segundos premios, que corresponderon a ¡Que barbar...idade!, da asociación Afamon -instalado diante do edificio multiusos- e Las andanzas de Juanca, realizado por Pablo García Castro e exhibido no centro de maiores da fundación Abanca. Houbo ademais dous accésits, concedidos a O sombrereiro tolo, de Sara e Noa González Fernández, e Compadre, de Jesús Rodríguez Montero. Estas figuras estiveron instaladas respectivamente nas rúas Santa Clara e Concepción Arenal.

Centros de ensino

Polo que respecta aos centros educativos, no apartado colectivo concedeuse un premio único a Cociñeiros aos fogóns, presentado polo Colexio Ferroviario. Na categoría individual, o primeiro premio foi para Donald presidente, da anpa A Lagoa, que agrupa aos pais dos alumnos do Colexio Novo. Houbo dous segundos premios para Os Angry Birds invaden Monforte, do colexio Escolapios, e O corazón da Gándara, do centro do mesmo nome. Neste apartado outorgouse así mesmo un accésit a Superheroes, do colexio Fundación Torre de Lemos.

Seguindo a tradición, os bonecos foron queimados na praza ao terminar a cerimonia da entrega dos premios. A seguinte fase do concurso, o Xoves de Comadres, celebrarase o próximo día 23. As inscricións poden efectuarse no rexistro xeral do Concello ata ás 14 horas da xornada anterior. En canto, ao certame do desfile de comparsas do Martes de Entroido, o prazo pecharase o día 24, tamén ás dúas da tarde.