A promoción turística do canón do Sil segue deixando de lado a xeoloxía

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O xeólogo Juan Ramón Vidal pide á Xunta que corrixa a información que ofrece sobre a zona no seu novo portal

16 feb 2017 . Actualizado a las 17:22 h.

A Ribeira Sacra figura nun lugar destacado no novo portal da Axencia Turismo de Galicia, que a inclúe no lugar de cabeza nunha sección denominada «Top-ten: Dez lugares únicos». A web afirma que estes espazos foron escollidos por considerar que «encarnan a esencia de Galicia». Na lista figuran ademais a muralla romana de Lugo, a Serra da Capelada, o Ferrol da Ilustración, a torre de Hércules, o Camiño de Santiago, a cidade de Santiago, o cabo de Fisterra, as illas Cíes e o castro de Santa Trega.

O Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña criticou no seu perfil de Facebook a presentación que se fai neste portal institucional da Ribeira Sacra e doutras zonas que ofrecen un especial interese xeolóxico. O motivo é precisamente o feito de que non inclúe ningunha información sobre o patrimonio xeolóxico destes lugares, algo que segundo o criterio dos investigadores deste centro podía engadirlles un importante valor.

O director do referido instituto, Juan Ramón Vidal Romaní, sinala que os responsables do portal turístico «non tiñan máis que facer unha consulta para que lles facilitar unha información sucinta sobre o valor xeolóxico destes lugares». Ao seu xuízo, este detalle pode ser de interese para os visitantes que percorren lugares como o canón do Sil «e serviría para saírse un pouco dos tópicos que se repiten con moita frecuencia cando se intenta promocionar estes territorios». Vidal sinala ademais que «non sería necesario ofrecer unha información xeolóxica moi ampla, senón tan só algo que se pode explicar en poucas liñas de texto». Por outro lado, Vidal Romaní apunta que ao tratarse dunha publicación dixital non suporía ningún problema agregar esta información suplementaria.

O pregue do Courel

O xeólogo pon como exemplo o caso do sinclinal ou pregamento xeolóxico de Campodola, situado na Serra do Courel e no territorio municipal de Quiroga. «Desde hai anos, á xente que visita ese lugar explícaselle dunha forma sinxela como se orixinou o pregamento e iso fai que vexan o lugar con moito máis interese que se llo presentasen só como unha paisaxe espectacular».

Así mesmo, Vidal indica que o centro científico que dirixe pode colaborar de forma gratuíta a todas as institucións que lle piden asesoramento, como fixo o Concello de Quiroga no caso do pregamento de Campodola. «Este instituto está precisamente para iso, para ofrecer un servizo público, pero ás veces parece que cando un servizo se ofrece debalde xa non se lle dá ningún valor», agrega.

Unha paisaxe espectacular que comezou a nacer no Cretácico, hai 200 millóns de anos

Hai dous anos, Vidal Romaní apuntou neste diario que nas rutas turísticas do canón do Sil podería ofrecerse información sobre as características xeolóxicas do territorio. «Lamentablemente non se fixo caso daquelas suxestións, pero o erro aínda está a tempo de corrixirse», engade. Segundo o investigador, un dos aspectos que poderían destacarse é que o proceso xeolóxico que formou o val fluvial do Sil comezou no período Cretácico, hai arredor de douscentos millóns de anos, e que nesa época o río non era aínda un afluente do Miño, co cal confluiría moito máis tarde.

O xeólogo indica ademais que o relevo do territorio experimentou grandes cambios debido á formación da Cordilleira Cantábrica -que principiou hai 65 millóns de anos-, o que fixo que o caudal do Sil experimentase un forte incremento e que se abrise un novo curso no seu camiño ao mar, labrando as ladeiras escarpadas que constitúen a paisaxe característica do canón. Outro aspecto destacable -engade- é o feito de que na Era Terciaria se formaron ao longo do curso do Sil varios grandes lagos con profundidades de ata cen metros. «Explicar estas cousas aos turistas que contemplan o canón do Sil desde as marxes ou desde os catamaráns pode facer que aprecien a paisaxe doutra maneira e que lles resulte moito máis atractiva», conclúe.