«O estado de conservación dos retablos  é en xeral moi malo»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Saleta López realizou un estudo sobre unha parte pouco coñecida do patrimonio do seu municipio natal

20 ene 2017 . Actualizado a las 22:20 h.

Natural de Sober, Saleta López López realizou un estudo sobre os retablos barrocos e neoclásicos das igrexas deste municipio como traballo de fin de máster en xestión do patrimonio na Facultade de Xeografía e Historia da USC. O mércores presentou este traballo na biblioteca municipal soberina, nunha actividade que foi organizada polo club de lectura Pintor de Castinande.

-Os retablos barrocos da Ribeira Sacra son moito menos coñecidos que a arte románica.

-Si, da Ribeira Sacra só se coñece o románico, o que tamén é normal porque é unha das maiores concentracións de igrexas románicas de Europa. Pero o románico só representa unha época histórica e neste territorio hai moitas máis cousas. Decidín centrarme no estudo dos retablos porque é unha parte do patrimonio á que se lle prestou pouca atención e porque está quedando moi abandonado. Hoxe as igrexas teñen cada vez menos fregueses e moi pouquiños curas, e os retablos están sufrindo especialmente este abandono.

-¿Cantas igrexas estudou para realizar este traballo?

-Como tiña limitacións en canto á extensión, decidín centrarme nas parroquias que están na ribeira do Sil. En total son dez igrexas nas que se gardan vinte e un retablos de entre os séculos XVIII e XIX. Non se conservan de épocas anteriores porque no século XVIII houbo unhas importantes obras de reforma en todas estas igrexas e daquela encargaron retablos novos. Os que había antes perdéronse.

-¿Que características teñen en común estas obras?

-Nas igrexas que estudei hai retablos de tres etapas cronolóxicasd diferentes. A maioría son do último terzo do século XVIII e teñen elementos comúns na decoración. Desta época é o que considero como o máis importante dos que estudei neste municipio, o retablo maior da igrexa de Bolmente. Sábese o nome do seu autor, que se chamaba José Fernández de Guitián. Tamén foi dos máis caros, porque os documentos que se conservan indican que custou 2.022 reais de vellón, unha cantidade moi importante nesa época. Na igrexa de Pinol tamén hai un par de retablos do primeiro terzo dese mesmo século. Os demais son do século XIX. Hai que ter tamén en conta que nalgúns casos a talla do retablo é dunha época determinada e a pintura dun período posterior.

-¿Sábese onde foron feitos?

-É moi difícil encontrar documentación a ese respecto, porque os libros de fábrica das igrexas -ou sexa, os libros de contas- non recollen ese tipo de datos. Eu supoño que foron feitos por obradoiros ambulantes que ían de parroquia en parroquia, pero é só unha especulación e non teño probas documentais. En Monforte tamén tivo que haber obradoiros, pero non temos moitos datos. O que está documentado é o que tiñan os irmáns Castinande, que estaba asentado en Monforte en 1814.

-En xeral, ¿como é o seu estado de conservación?

-En xeral é moi malo. As principais excepcións no municipio son os retablos laterais da igrexa de Doade, pero iso é porque foron restaurados a principios da década pasada. A maior parte presentan un aspecto terrible cando se observan de cerca. Teñen problemas de perdas de policromía, acumulan moita sucidade e ademais a maioría están moi atacados pola carcoma. No retablo maior de Bolmente non notei ataques deste tipo, pero está moi ensuciado a causa do fume das velas e da acumulación de po durante moitos anos. Se se lle dese unha boa limpeza sería un retablo marabilloso.