O Entroido Ribeirao podería renunciar á categoría oficial de interese turístico

La Voz CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O festexo será obxecto por primeira vez dun obradoiro divulgativo

18 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Amigos do Entroido Ribeirao decidirán despois do entroido se continúan as xestións para intentar conseguir a categoría de festa de interese turístico, unha aspiración que data de hai varios anos. O presidente da asociación sinala que para obter este recoñecemento oficial por parte da Consellería de Cultura é preciso reunir unha documentación extensa que non é fácil de conseguir. «Temos que presentar certificados moi detallados de todas as festas nas que participamos fóra de Chantada, pero hai casos nos que non nos facilitan esa documentación por máis que insistimos», sinala Juan Carlos González, presidente da asociación. «Hai lugares onde estivemos hai dez ou doce anos nos que é moi difícil conseguir eses papeis», engade,

González sinala por outra parte que a normativa que esixe toda esta documentación é recente, mentres que para outros festexos que solicitaron con anterioridade a categoría de interese turístico foi moito máis sinxelo obter o recoñecemento da Xunta. «Por exemplo, para que lle desen a categoría de interese turístico ao entroido de Maceda, en Ourense, non tiveron máis que presentar catro papeis», afirma. «Agora cambiaron as normas e é todo moito máis complicado, e temos que decidir se nos merece a pena facer todo este esforzo ou se será mellor renunciar», conclúe.

Por outro lado, a Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao colaborará co colectivo fotográfico Chíscalle nun obradoiro centrado neste festexo tradicional que se impartirá o 4 de febreiro. Os participantes poderán participar na elaboración das flores de papel que adornan os puchos ou sombreiros dos volantes -os personaxes principais da festa- e de máscaras de papel, así como aprender a técnica de colocación das campaíñas que levan nos cintos os peliqueiros.

A actividade desenvolverase de de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 na parroquia de Santiago de Arriba, onde se celebra o festexo. Os interesados poden inscribirse ata o día 31 na web do colectivo organizador, no enderezo chiscalle.com. O programa comprende tamén un xantar en Chantada.

A asociación Chíscalle está radicada en Lalín e reúne a fotógrafos e afeccionados de diferentes localidades galegas. Desde hai varios anos, o colectivo organiza con regularidade xornadas fotográficas na Ribeira Sacra e na Serra do Courel.