A relación de postos de traballo do Concello leva cinco anos paralizada

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O PP reclama ao alcalde que a remate e recorda que xa van gastados 135.672 euros

15 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Monforte non dispón aínda dunha relación de postos de traballo oficial, a pesar de que o anterior goberno local encargou a súa elaboración no 2012 mediante un contrato que tiña un orzamento de 135.672 euros. O Partido Popular anunciou onte que lle reclamará ao actual equipo de goberno que saque adiante este documento, que é o instrumento técnico a través do que as administracións públicas ordenan a súa estrutura de persoal de acordo coas necesidades dos servizos que prestan e establecen os requisitos precisos para ocupar cada posto.

A portavoz do PP monfortino, Julia Rodríguez, recorda que hai pouco o Concello se viu obrigado a aprobar o catálogo de persoal da Policía Local para que un axente deste corpo puidese pasar a segunda actividade, a situación previa ao retiro. Cunha relación de postos de traballo en vigor non faría falta completar ese trámite. Para Rodríguez, a falta deste documento organizativo complica «coñecer as verdadeiras dispoñibilidades e necesidades» dun Concello que neste ano 2017 consumirá 4.137.963 euros en gastos de persoal.

O PP suliña ademais que a xunta de goberno que se celebrou o 19 de decembro aprobou unha oferta pública de emprego «pese a non dispor de relación de postos de traballo que permitan coñecer as verdadeiras dispoñibilidades e necesidades do Concello».

Como exemplo dos problemas de organización que se derivan da falta dunha relación de postos de traballo, o PP menciona tamén o caso do departamento municipal de Urbanismo. «Monforte, unha cidade de 19.000 habitantes, sen plan xeral de ordenación urbana e cun plan especial para o casco antigo en tramitación conta unicamente cun arquitecto técnico, mentres se lle dá cobertura a outros servizos non tan importantes», apunta Julia Rodríguez.

Ten que saír gratis

No PP consideran que a elaboración da relación de postos de traballo non debería supor ningún gasto extra. «O Concello de Monforte dispón e dispuxo ao longo destes anos de técnicos xurídicos perfectamente cualificados para emitir este tipo de informes polos que se veu pagando sistematicamente a entidades externas», afirma a voceira desta formación política.

E se finalmenre fose precisa algunha axuda externa, engade a representante do PP, a Deputación de Lugo dispón dun servizo de asesoría xurídica para os Concellos, que entre as súas funcións ten o asesoramento aos concellos, entre outras vías mediante informes ou estudos xurídicos.