Leonardo Rodríguez, o ministro respectado polos galeguistas

alfredo pardo CHANTADA

LEMOS

Este fiscal e político de principios do século XX ten unha rúa en Chantada desde 1919

24 ene 2017 . Actualizado a las 09:34 h.

Lembra Santiago Rodríguez Miranda, ministro de Traballo e Seguridade Social coa UCD e un dos tres netos vivos de Leonardo Rodríguez Díaz, que o seu avó «mantiña unha importante relación intelectual con Francesc Cambó, Cavalcanti, Bugall, Cecilio Pla, Asorey ou a sobriña da miña avoa, Emilia Pardo Bazán. Tamén chegou a fundar a pioneira Revista Económica e Financeira e inaugurou co rei Alfonso XIII a fábrica de coches Ford en Cádiz en 1920, da cal era avogado e secretario do Consello de Administración». Leonardo Rodríguez dálle hoxe nome á unha céntrica rúa peonil de Chantada.

Bautizado na parroquia de Santa María de Palamós (Xirona) o 20 de outubro de 1875 e fillo do chantadino Manuel Rodríguez Rodríguez e a lucense Juana Díaz Rivera, a Leonardo puxéronlle tamén os nomes de Mariano e Manuel. Estudou na Universidade de Santiago entre 1894 e 1899, licenciándose en Dereito, e foi nomeado fiscal na Coruña. Continuou os seus estudos de Comercio en Lausanne (Suíza) e empezaría a súa carreira política como concelleiro na Coruña. Ocuparía cargo na Comisaría Rexia de Fomento e en 1917 Eduardo Dato designouno Director Xeral de Comercio.

Durante os anos da guerra militou no Partido Conservador xunto a Augusto González Besada, sendo deputado polo distrito de Lugo na lexislatura de 1914-15. Entre 1916 e 1922 desempeñaría o comisionado por Chantada e sería nomeado Ministro de Abastecementos polo conde de Romanones entre febreiro e abril do 1919, ao dimitir Baldomero Argente e ter a confianza de Cambó. Correron ríos de tinta e houbo sorpresa na sociedade cando pasou do Partido Conservador ao Liberal en 1920.

Unha rúa como homenaxe

Ante a súa investidura, o alcalde de Chantada, Alejandro Rodríguez, deixou constancia o 22 de febreiro de 1919 de que «a corporación posta de pé en honra a tan ilustre fillo da localidade acorda (...) dar ao ilustre nome de Leonardo Rodríguez á rúa principal da poboación, declarándoo fillo predilecto e engalanar a casa consistorial».

Na lexislatura 1916-1918 obtén 6.270 votos e na de 1918-1919 outros 4.783. Galicia está preocupada coa importación de carnes conxeladas desde Arxentina en plena I Guerra Mundial, polo que envían telegramas a Leonardo Rodríguez para «impedir que o Consello de Estado acorde conceder autorización, o que equivalería a causar grandes prexuízos para a gandería galega». Nun discurso parlamentario avogou o 12 de xullo de 1918 para que a Comisión Protectora de Produción Nacional estudase como orientar despois da guerra unha política comercial encamiñada a defender a produción e asegurar a expansión económica.

A crise da Restauración propiciou un forte fluxo migratorio polo cal interveu o 30 de xuño de 1918 na Semana Rexionalista cun discurso no que sinalou que «o analfabetismo galego é moi doloroso, chega ao 51%. Por falta de instrución loita o galego con grandes dificultades para dedicarse a cousas diferentes da agricultura. Por isto a emigración non se encamiña ás cidades e encamíñase ao campo».

Morte repentina

En canto á posibilidade dunha autonomía propia sentenciaba en decembro de 1918 que «Galicia ten aspiracións rexionais, e nestes instantes disponse a concretar o seu pensamento, en relación co programa da autonomía, buscando unha fórmula xusta que falle o preito que se ventila».

En plena campaña electoral o 4 de xuño de 1919 Leonardo chega a Lugo procedente de Ferrol e pasa por Chantada para despedirse dos seus amigos antes de marchar a Madrid. O 14 de xullo do mesmo ano e tras recibir a Gran Cruz de Leopoldo II de Bélxica, asiste na vila ao banquete de honra de Antonio Soto Lemos, elixido deputado provincial baixo o seu amparo.

Na mañá do 27 de setembro de 1922, un inesperado e fulminante cólico hepático rompeu a frutífera campaña rexionalista e redencionista no seu domicilio na rúa do Príncipe de Vergara en Madrid. A súa muller Pilar Miranda atopábase en Barcelona e o seu fillo José Rodríguez estaba en Oviedo examinándose na Universidade dalgunhas materias na Facultade de Dereito.

Atrás quedaron logros na iniciativa de crear na Universidade de Santiago a Facultade de Estudos Superiores de Comercio, a repoboación forestal, o decreto das oito horas, a regulación do traballo nos menores, a desgravación do millo, un matadoiro industrial para evitar a importación de carnes foráneas ou «as achegas á OIT (Organización Internacional do Traballo), que eu descubrín 50 anos máis tarde ao representar a España ante este organismo nas súas relacións internacionais como titular da carteira de Traballo que desempeñei», afirma Santiago Rodríguez.

O funeral en Madrid

Os restos mortais de Leonardo Rodríguez ían nun féretro de caoba con ferraduras de prata oxidada que partía desde a capela ardente no Palacio Municipal cara á Estación do Norte nunha carroza con alguacís do Congreso, presidindo a comitiva o marqués de Alhucemas.

No tren correo acompañaban ao finado Narciso Obanza e a súa esposa Elena Miranda, cuñada do finado, o xeneral xefe da sección de Infantería do ministerio da Guerra Ambrosio Feijoó Pardiñas e José Meirás Otero, secretario particular do exministro e director do Balneario de Mondariz. O seu fillo collería un tren en León e por expreso desexo familiar o seu enterro na Coruña foi modesto, «sen pompas nin boato».

O daquela alcalde de Chantada, Emilio Valladares, organiza un funeral solemne o 24 de outubro na igrexa parroquial. A Liga de Amigos e as Sociedades Agraristas renderon honras e participaron no cortexo fúnebre. A Casa de Galicia en Madrid colocou un retrato seu no salón de actos da sociedade e propuxo que as catro capitais galegas lle dedicasen rúas e que en Chantada un colexio leve o seu nome. Tras a súa morte, Wenceslao Fernández Flórez deixa escrito que o quería «como un irmán maior» e engadía que nin el «nin ningún outro coruñés algún pode ter en tal ocasión ideas que non se refiran á gran dor de ver tan prematuramente truncada, esa vida, de cuxa continuidade tanto podería esperar Galicia».

Desde o número trece da Revista galeguista Nós da que era socio numerario, publican o 1 de novembro de 1922: «Connosco estivo desde o principio, cando Nós era unha idea aínda sen realidade, sentiu o gran e difícil do noso esforzo, e iluminounos coa súa axuda e o seu consello. Quixo formar no noso fato apreixado e perseverante e traballar connosco; quixo ser e foi dos de Nós. A loita e realización política, de traballador silencioso, logo soubo ver que os tempos eran chegados e aportou a súa axuda a obra de Nós, e concebiu a obra fermosa das Roladas e deu un xeito galego a política da nosa Terra, e animou e alentou todas as nosas ansias de redención e de rexurdimento. Tiñámoslle un gran respecto e agarimo».