Os descoñecidos obradoiros de campás de Chantada

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Nas parroquias de Mariz e Muradelle houbo dúas pequenas fábricas cuxa existencia case ninguén recorda

30 dic 2016 . Actualizado a las 20:36 h.

Aínda que o feito é moi pouco coñecido hoxe en día, en tempos funcionaron en Chantada dúas pequenas fábricas de campás de bronce para as igrexas da comarca, que estiveron situadas nas freguesías de San Martiño de Mariz e San Paio de Muradelle. Non se coñece ningún estudo publicado sobre esta tradición artesanal, que foi mencionada recentemente nunha coñecida rede social polo poeta chantadino Paco Ledo, natural da aldea do Pacio, en Mariz.

O obradoiro de Mariz encontrábase na chamada Casa do Cabo. Hoxe non quedan restos visibles daquela construción, pero no lugar onde se encontraba -segundo indica un veciño- crece moi mal a herba, o que se debe probablemente ás escorias de fundición que se botaban no chan. Na mesma parroquia vive Manuel Méndez Díaz, de 91 anos de idade, quen lembra que o sei pai, José Méndez Fernández, traballou de axudante neste obradoiro cando aínda era un rapaz, na primeira década do pasado século. O que non sabe con exactitude é durante canto tempo funcionou a fábrica, que probablemente non foi moito. Pero si recorda cal era a función do seu pai, que consistía en axudar a elaborar as formas de barro, é dicir, os moldes das campás onde logo se botaría o bronce fundido.

No obradoiro da Casa do Cabo traballaba tamén un sobriño do campaneiro que asesoraba ao tío no relativo á mestura dos metais. Non se sabe por que, pero dalgún xeito aprendera máis sobre esta técnica que o propio campaneiro.

Reparto de xemas

Tamén recorda Manuel Méndez que cando as formas xa estaban terminadas, eran bañadas en claras de ovo. Supón que sería para evitar o contacto directo entre a aliaxe metálica e o molde de barro da campá. Supón ben, pois así o afirman tamén diversas publicacións sobre os métodos artesanais de fabricación de campás. Tendo en conta o tamaño de moitos destes instrumentos, hai que supor que faría falta un grande número de ovos para realizar a operación. Depois de separar as claras das xemas, estas últimas repartíanse ou cociñábanse para convidar aos veciños do lugar.

Outro detalle que Méndez lembra con certeza era o salario que gañaba o seu pai axudando a fabricar campás hai máis dun século. «O xornal do meu pai era de tres reás e a mantido -afirma-, e o xantar facíallo un irmán do campaneiro que era o meu bisavó».

Un rastro material da actividade do obradoiro da Casa do Cabo encóntrase na propia igrexa da parroquia. A campá máis pequena do templo foi fabricada en Mariz, como o indica un gravado feito na parte baixa do instrumento coa figura de san Martiño de Tours, o patrono da parroquia. Por debaixo deste deseño pode lerse o nome de Mariz en letras maiúsculas. Debido a un erro do troquel ou da fundición, foron gravadas do revés, como se reflectisen nun espello. A campá grande fabricouse tamén na parroquia, pero acabou por agretarse e levárona a refacer a outro obradoiro que houbo en Ribas Altas, en Monforte. «Un campaneiro de Ribas Altas veu aprender aquí o oficio», asegura Manuel con insistencia.

 

unha testemuña única

Manuel Méndez Díaz, veciño da aldea de Vigo, en Mariz, é a única persoa da parroquia que pode testemuñar con seguridade sobre a existencia do desaparecido obradoiro de campás da Casa do Cabo. Asegura que o seu pai traballou neste lugar ata 1909. Ao ano seguinte debía cumprir o servizo militar e eludiuno emigrando a Cuba, onde viviu por espazo de once anos

Na casa natal de Juanita de Paderne, unha aventureira adepta do carlismo

Segundo todos os indicios, o obradoiro de campás da Casa do Cabo foi o máis antigo dos que se recordan en Chantada, pero non o único. O campaneiro casou na chamada Casa de Carbaxales, na aldea de Paderne de Abaixo -pertencente á parroquia de Muradelle-, onde existiu outra pequena fábrica. Dase a circunstancia de que esa mesma casa foi o berce de Juanita de Paderne, nome de guerra de Juana García Carbajal, que destacou pola súa vida aventureira e por ser unha loitadora da causa carlista.

Esta vella casa fidalga atópase a pouco máis dun quilómetro en liña recta da outra vella fábrica. É moi pouco o que se sabe deste obradoiro desaparecido, mais -ao contrario do que sucede coa Casa do Cabo- a construción aínda segue en pé na actualidade. Os habitantes da Casa de Carbaxales continúan a chamarlle «o taller», pero a función que cumpre hoxe é moi diferente da que tivo noutros tempos. O edificio, medio ruinoso, é utilizado como establo e alberga unhas vacas pintas.