O turismo rural decrece nas pontes, nunha temporada considerada boa

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Os negocios do sector na Ribeira Sacra rexistran unha baixa ocupación estes días

08 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As pontes da Constitución e a Inmaculada deste ano non trouxeron consigo un aumento das reservas nas casas de turismo ruralda Ribeira Sacra. Segundo a directiva da asociación Ribeira Sacra Rural, que agrupa a grande parte dos negocios do sector na zona lucense e na ourensá, as cifras de ocupación están resultando baixas, aínda que cabe a posibuilidade de que suban un pouco esta fin de semana se se incrementan as reservas de última hora. Unha enquisa rápida realizada pola referida entidade entre diversos establecementos repartidos polo territorio suxire que a demanda é notablemente menor que o ano pasado. «Dos negocios aos que consultamos, o que máis reservas ten para a fin de semana só conta cun 50% de ocupación -explican-, mentres que outros poucos andan polo 30% ou o 40%, e a maioría non teñen nada de nada».

A baixa demanda contrasta coas boas condicións meteorolóxicas que se rexistraron durante as últimas xornadas e as que se esperan para os próximos días. Pero en Ribeira Sacra Rural pensan que esta situación en principio favorable foi contrarrestada pola unha pouco afortunada coincidencia das datas nos días festivos. «Hai moita xente que descansa o martes e o xoves pero traballa o resto da semana e ademais en moitos centros educativos non se fixo ponte, e isto probablemente botou atrás a moitos posibles visitantes a pesar do bon tempo», engaden.

Os resultados pouco satisfactorios que deixará este período nas hospedaxes rurais da zona, segundo todos os indicios, contrastan ademais co feito de que a temporada de outono en conxunto non se pode considerar mala senón todo o contrario. «Veu moita xente en setembro e outubro, en torno á epoca da vendima, e en novembro tamén houbo moitos visitantes», apuntan desde a mencionada asociación.

O éxito que tivo o recente programa de actividades de outono A Caída da Folla, promovido polo consorcio da Ribeira Sacra -agregan-, indica que a afluencia turística durante esta época do ano tende a ir en aumento, a pesar da escasa demanda que se está rexistrando estes días.

«Fai falta unha oferta que non dependa da meteoroloxía»

Francisco Almuiña, presidente da asociación Ribeira Sacra Rural, cre que os negocios de turismo rural da zona poden tirar máis proveito das temporadas de outono e inverno. «Pero aínda non demos coa clave», di.

-¿Que se pode facer para potenciar o turismo nesta época do ano?

-Oín dicir a alguén hai pouco que os galegos aínda non descubrimos o goretex e paréceme moi acertado. Quero dicir que fai falta artellar unha oferta turística que non dependa da meteoroloxía e que sexa capaz de atraer visitantes mesmo cando chove e fai frío. Hai que insistir máis no atractivo que teñen as paisaxes cambiantes do outono na Ribeira Sacra e no espéctaculo de ver chover nestas paraxes. E tamén organizar máis actividades apropiadas para esta época do ano.

-¿Que recursos cre que se poderían aproveitar mellor durante esta temporada?

-Temos por un lado a gastronomía. Está claro que para a Ribeira Sacra é moi importante o viño, pero creo que non se debe pensar só no viño. Pódense organizar xornadas gastronómicas baseadas noutros produtos para animar á xente a vir pasar aquí uns días. Hai que lembrar por exemplo que os concellos da comarca de Chantada entran na denominación de orixe dos queixos Arzúa-Ulloa. Están tamén os museos, como o de Arxeriz ou o do ferrocarril de Monforte, que se poden aproveitar moito máis. Debemos reflectir máis sobre todo o que temos e pensar en como aproveitalo mellor. E tampouco hai que ter medo de copiar ideas doutros sitios que teñen climas moito peores que o noso e conseguen ter turismo todo o ano, como Escocia ou Dinamarca.

-¿As actividades de outono do consorcio turístico poden ser un modelo a seguir?

-Estas experiencias son moi interesantes e estase vendo que funcionan, así que penso que hai que seguir avanzando nese sentido. Pero o máis importante é que os negocios do sector traballemos xuntos para mellorar a nosa oferta e que nos beneficiemos todos. Somos pequenos e cada un por si só pode facer pouco, pero xuntos podemos facer moito.

Cifras elevadas no parador de Monforte e no balneario de Pantón

A escasa demanda que se está rexistrando estes días nas casas de turismo rural do sur lucense non afecta en igual medida aos principais establecementos hosteleiros de referencia na comarca de Lemos. No Parador de Monforte, a ocupación media desde o pasado venres ata onte estivo cerca do 73%. Para a fin de semana espérase un incremento desta cifra, especialmente para o sábado.

No hotel balneario de Augas Santas, no municipio de Pantón, a ocupación chegou ao 99% o pasado sábado. A cifra máis baixa foi a do martes, cun 63%. Nos demais días oscilou entre o 80% e o 90%. Para hoxe espérase tamén un 80% de ocupación e a que se prevé para as tres próximas xornadas é respectivamente do 77%, do 97% e do 64%.

Algo menos que no 2015

Os responsables de ambos establecementos sinalan que os niveis de ocupación baixaron con respecto ao mesmo período do ano pasado, pero nunha proporción moi moderada. O descenso atribúese á alternancia de días festivos e laborables desta semana. Pero en todo caso, as cifras considéranse satisfactorias para esta época do ano.