Un petróglifo no Parque dos Condes

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

XABIER MOURE

Localizan en Monforte un gravado rupestre nun bloque de granito usado para construir unha fonte

23 nov 2016 . Actualizado a las 22:24 h.

Unha fonte pública instalada desde hai moito tempo no Parque dos Condes de Monforte contén unha singularidade arqueolóxica que ata agora pasara desapercibida. No bloque de granito natural co que foi feita a fonte hai un sinxelo gravado circular do tipo coñecido como coviña ou cazoleta. Quen reparou na súa presenza foi a documentalista Pilar Carpente, que acompañou ao arqueólogo Xabier Moure nunha recente visita a Monforte. O achado foi feito nunha breve parada que fixeron no parque despois de visitar a parroquia de Sindrán, onde Moure localizou precisamente o primeiro conxunto de petróglifos que se rexistra no municipio.

Aínda que a incisión pode parecer a primeira vista de orixe natural ou producida de forma accidental, Moure considera que «ten unha factura bastante clara» e que se pode dar por praticamente seguro que é artificial. A rocha con que foi construída a fonte mostra tamén unha pía ou oquedade natural que ocupa unha boa parte da súa superficie. Moure sinala a este respecto que é moi habitual encontrar gravados prehistóricos asociados a estas pías creadas pola erosión.

Tendo en conta que en Monforte e nos seus arredores non hai afloramentos naturais de granito, Moure pensou en principio que o bloque podía proceder dalgunha zona próxima -como Sober ou O Saviñao- onde existen estas formacións xeolóxicas. Coñecer con exactitude o seu lugar de procedencia, polo tanto, podería dar pistas que axudasen a encontrar na comarca outros gravados rupestres aínda non catalogados. Pero todo indica que isto non vai ser posible.

Orixe foránea

A fonte de pedra foi construída durante unhas obras de reforma que se levaron a cabo no Parque dos Condes a finais dos anos noventa, unha vez que se desbotou a posibilidade de levantar neste espazo público o edificio da nova casa consistorial. Nazario Pin, que ocupaba nesa época a alcaldía, sinala que os traballos do parque foron realizados por unha empresa ourensá. «A pedra trouxérona de fóra -recorda- e seguramente chegou dalgunha parte da provincia de Ourense». As obras de reforma, por outro lado, foron inauguradas por Manuel Fraga, entón presidente da Xunta, nunha visita electoral que fixo a Monforte en maio de 1999.

Uns achados que son habituais en moitas partes

Se ben hoxe non parece posible saber con certeza de onde foi extraída a rocha con que se construíu a fonte do Parque dos Condes, Xabier Moure apunta que podería proceder dalgunha zona de Ourense próxima ao límite coa provincia de Lugo. «Nos municipios de Nogueira de Ramuín e Amoeiro, por exemplo, hai moitas formacións graníticas con petróglifos e tamén con pías naturais», comenta.

O feito de descubrir gravados rupestres en pedras reaproveitadas para obras, sinala por outro lado o arqueólogo, é algo habitual en moitas partes de Galicia. É algo que sucede en Proendos, no municipio de Sober. «Nese lugar poden verse varios petróglifos en muros de vivendas e en valados», sinala. «Noutros lugares, como Campo Lameiro, en Pontevedrá, casos como estes son abundantísimos», agrega.

Un achado deste tipo produciuse en xuño do 2007 no municipio de Pantón con motivo das obras de construción dun muro de contención que o Concello acometeu na parroquia de Atán. Entre os materiales que foron recollidos con esta finalidade en diversos terreos municipais e fincas particulares apareceu un bloque de granito duns douscentos quilos que tiña gravados dous deseños de liñas concéntricas e varias coviñas. A orixe desta pedra non puido ser determinada.