Mámoas visitables e outras que poden selo

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

No sur lucense só hai catro xacementos megalíticos que se aproveitan para o turismo ou para iniciativas educativas

08 nov 2016 . Actualizado a las 13:42 h.

Hai agora un ano foi limpado e sinalizado o conxunto de túmulos megalíticos situado entre as parroquias de Piñeiró e Abuíme, no municipio do Saviñao, nunha iniciativa impulsada polo colectivo Á Luz das Mámoas. Este lugar é agora un dos poucos xacementos arqueolóxicos deste tipo de todo o sur lucense que foi acondicionado para recibir visitas. Con anterioridade á mencionada iniciativa, son moi contados os casos de xacementos megalíticos na zona que fosen sinalizados ou aproveitados dalgún modo para actividades turísticas e educativas. As únicas excepcións son a necrópole de Santa Mariña -no límite entre os municipios do Incio, Samos e Sarria- e os dolmes de Abuíme e Leira Rapada, tamén no Saviñao.

No amplo patrimonio megalítico deste territorio -con cerca de 150 lugares catalogados- hai outros elementos que poderían ser desbrozados e sinalizados como os túmulos de Piñeiró. O arqueólogo Xabier Moure, que realizou un extenso inventario deste patrimonio, indica que moitas mámoas da zona son pouco aproveitables neste aspecto por acharse en lugares de difícil de acceso, por estar mal conservadas ou por ofrecer moi pouca visibilidade. Pero no caso doutros xacementos que se encontran en mellor estado e que están en zonas facilmente accesibles ou de especial valor paisaxístico, cre que sería interesante retirar a maleza que os cubre e marcalos con sinais. Estas son as súas suxestións.

O Saviñao. Ademais dos lugares xa mencionados, neste municipio encóntrase o chamado Campo das Mámoas, unha penichaira situada a 670 metros de altura xunto á estrada LU-P5804, perto dun cruzamento que leva á aldea da Broza. Os túmulos megalíticos que forman conxunto son moi visibles.

Monforte. Neste municipio, Moure recomenda sinalizar a mámoa do Escouredo, nas cercanías do límite con Bóveda. O túmulo está situado perto da estrada LU-641 de Monforte, despois de pasar unha gasolineira pechada que se encontra na zona, pero na marxe oposta. «Se se limpa a maleza que a tapa vese perfectamente», explica o arqueólogo. Ten cerca de 25 metros de diámetro e metro e medio de altura. En Monforte tamén destaca a mámoa de Fiolleda, localizada moi cerca da igrexa da parroquia e da estrada local. A súa altura é moi limitada -só trinta centímetros-, pero ten un diámetro considerable que chega aos dezasete metros.

Sober. Membros da asociación cultural O Colado do Vento descubriron no 2010 unha importante mámoa no lugar de Mourentán, pertencente á parroquia de Doade, nos arredores dun campo de aterraxe utilizado polos servizos de extinción de incendios. O túmulo ten un diámetro de cerca de 35 metros e chega aos dous metros de altura na súa parte central. Estaba totalmente oculta pola maleza ata que a zona foi rozada para deixar máis despexado o entorno do aeródromo.

Pantón. No territorio deste municipio, Xabier Moure sinala a existencia dunha mámoa da localidade de Guítara, nas inmediacións do camiño que leva ao castro do mesmo nome. O túmulo destaca pola súa boa visibilidade. En Pantón áchase tamén o conxunto de mámoas do monte da Morá -perto da estrada que leva ao Saviñao e no límite con este municipio-, que foi estudado hai cerca de noventa anos polo célebre arqueólogo ourensán Florentino López Cuevillas. Orixinalmente estaba formado por catorce túmulos, pero hoxe só se conservan dous. Os demais foron arrasados hai xa moito tempo durante unhas obras de roturación relacionadas coas repoboacións forestais.

Folgoso do Courel. No Alto da Escrita, cerca da aldea de Paderne, hai un túmulo megalítico que non se encontra perto das principais vías de comunicación. O lugar está a unha altura de 1.445 metros. A pouca distancia da mámoa hai un penedo onde se atopan que son probablemente os primeiros petróglifos localizados na Serra do Courel, descubertos en tempos moi recentes e aínda sen catalogar. Moure apunta que neste municipio tamén se poderían sinalizar tres mámoas situadas no monte das Lampas, igualmente nas cercanías de Paderne.