O documental «Tempo» compite na Mostra de Cinema de São Paulo

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

MANUEL VALCÁRCEL

O realizador monfortino Manuel Valcárcel presenta esta semana no Brasil a longametraxe que rodou durante un ano na Serra do Courel

23 oct 2016 . Actualizado a las 12:42 h.

A longametraxe documental Tempo, filmada na Serra do Courel polo realizador monfortino Manuel Valcárcel, participa na edición número corenta da Mostra Internacional de Cinema de São Paulo, que se comezará esta semana na cidade brasileira. O filme está inscrito nunha sección denominada Novos Directores e será proxectado en catro sesións entre este xoves -día de inicio do festival- e o próximo día 28. A mostra terminará o 2 de novembro.

O festival de São Paulo está considerado como a maior mostra de cine estranxeiro do Brasil e nas súas catro décadas de traxectoria tivo unha importante influencia nas xeracións de cineastas brasileiros que o frecuentaron nos anos oitenta e noventa. Nas súas diferentes edicións tivo como convidados a numerosos realizadores de prestixio internacional, como Dennis Hopper, Pedro Almodóvar, Abbas Kiarostami, Quentin Tarantino, Wim Wenders e Manoel de Oliveira. Na nova edición serán proxectados 322 filmes de cincuenta países. Entre eles figuran obras recentes do italiano Marco Bellocchio, o estadounidense Jim Jarmusch, o holandés Paul Verhoeven e a española Icíar Bollaín.

A filmación do documental de Manuel Valcárcel terminou a finais do 2013 e comprendeu arredor de 120 días de traballo en diferentes lugares da serra. O eixo argumental é o nacemento dunha nena na localidade de Froxán -o primeiro que se rexistrou neste lugar en 28 anos- e o seu primeiro ano de vida. O filme recolle a vida cotiá dos habitantes da zona durante este tempo e os cambios que vai experimentando a paisaxe co paso das estacións. No documental -que non está acompañado de ningún comentario- alúdese aos problemas ambientais que padece actualmente a serra.

Despois da rodaxe e dun longo proceso de montaxe e posprodución, Tempo foi proxectado por primeira vez en Froxán en maio do 2015. Posteriormente foi presentado en diversos festivais especializados en Vigo, Lugo, Ponferrada, Bilbao, Zaragoza e Lleida. A súa primeira proxección fora de España foi nunha mostra de cine medioambiental en Perú, o pasado xullo.