Algo atufa no Cebreiro

XABIER MOURE LUGO

LEMOS

fotos: óscar cela

Os veciños sospeitan que as imaxes emblemáticas do santuario son falsas

02 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 30 de agosto do 2016 cumpríronse 52 anos da restauración do Santuario do Cebreiro, que pasa por ser un dos lugares máis emblemáticos do Camiño Francés. Dende o comezo dos traballos de recuperación o único que chegou ata nós son algúns documentos soltos, referidos, maiormente, a aspectos técnicos. Pero no entanto, que acontecía na rebotica? Foi todo luz e taquígrafos? Pronto fará dous anos que dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares levamos recollidas ducias de testemuñas (escritas e orais) sobre un período que, sendo cautos, podemos cualificar como pouco claro.

Non digo nada novo se afirmo que unha das persoas que máis pulo lle deu ao Cebreiro e ao propio Camiño Francés foi o sarrián Elías Valiña Sampedro. Chegou como cura á parroquia no ano 1959, levando canda el, como único patrimonio, din, unha vella bicicleta. Xunto co arquitecto Francisco Pons Sorolla e o historiador Manuel Chamoso Lamas, comisario do Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico, participou activamente na súa valorización.

¿Cal foi a relación dos veciños con estes persoeiros, nomeadamente con Elías Valiña? Coñecedores só do que levabamos lido sobre O Cebreiro, dende un primeiro momento advertimos na xente unha certa indiferenza, xenreira en moitos casos, que non esperabamos. Non sen certas dificultades, aos poucos e despois de pescudar aquí e acolá, fómonos enterando dunha serie de enfrontamentos (algúns moi graves) que continúan latentes a día de hoxe e que, por contar só coa versión dunha parte (os protagonistas da outra xa morreron), preferimos, polo de agora, calar.

A Virxe do Cebreiro (coñecida tamén como Virxe do Milagre, dos Remedios ou Santa María a Real) que se venera na igrexa é unha das imaxes máis coñecidas do Camiño. A súa sona débella a que foi testemuña do coñecido como Santo Milagre acontecido nun día de forte zarracina e mesta nevarada do ano 1300, en que a devoción dun labrego venceu a fachenda dun descrido cura. A imaxe da Virxe co Neno atópase sobre unha peana nun lateral da igrexa.

Cuestionable restauración

Sobre a autenticidade da talla sempre houbo dúbidas entre os investigadores, de se se trata dunha pésima restauración do orixinal románico ou dunha mala copia. Se facemos unha comparativa da imaxe actual coas poucas fotos conservadas antes da súa restauración no 1971 non cabe máis que chegar á conclusión de que non se asemellan en nada.

Os que non teñen dúbida ningunha son os veciños da parroquia e as persoas doutras partes coas que falamos: a que adorna hoxe en día a igrexa é unha falsificación, un

cambiazo

. O pasado día 11 de setembro, aproveitando as festas do Milagre, achegámonos ata O Cebreiro. Nun banco había sentadas tres mulleres da mesma familia que viñeran á romaría dende Samos. As máis novas levantáronse e foron acenderlle un velón á Virxe.

Observamos que a de maior idade nin sequera mirou cara onde se dirixían a filla e a neta. Pregunteille se ela, que levaba preto de sesenta anos asistindo ese día ao Cebreiro, non lle poñía unha vela. Sen pensalo dúas veces contestoume: «Esa non é a Virxe». Reaccións semellantes puidemos constatalas con persoas de Barxamaior, Fontevedra, o propio Cebreiro, Pedrafita, Samos ou As Nogais que, dende que levaron a antiga talla, non volveron a acenderlle velas nin a deixar esmolas. Todos coinciden en que a talla actual é moito máis pequena.