Manuel María visto polos escritores do sur lucense

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

FRANCISCO ALBO

Ao longo deste ano apareceron varios libros sobre o poeta escritos por autores da zona que o trataron persoalmente

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Monforte acollerá hoxe unha homenaxe pública a Manuel María na que tomará parte a Real Academia Galega. É o acto máis importante dedicado ao longo deste ano no sur lucense ao protagonista do último Día das Letra Galegas. Pero durante os últimos meses o poeta foi tamén homenaxeado con libros por diversos escritores naturais da zona que teñen en común o feito de telo tratado persoalmente. Estes son os autores e as súas obras, que supoñen unha considerable achega ás numerosas publicacións acerca de Manuel María que foron aparecendo ao longo do ano en toda Galicia.

 

Lois Diéguez. A antiga editorial Xistral, dirixida en Monforte por Manuel María, publicou na década dos sesenta os primeiros libros deste autor monfortino. Diéguez dedicoulle este ano a obra Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María, que narra diversas viaxes realizadas polo poeta dentro e fóra de Galicia. A obra foi publicada conxuntamente cun deuvedé.

 

 

Xosé Estévez. Natural de Quiroga e residente desde hai moitos anos no País Vasco, este profesor universitario e ensaísta anunciou recentemente que está preparando un libro sobre a relación de Manuel María coa comarca quiroguesa, onde tiña raíces familiares. Estévez ten previsto publicar esta obra o ano próximo.

 

 

Xosé Lois García. O escritor chantadino publicou a principios de ano o libro Manuel María reecontrado, que recolle algúns traballos anteriores seus -como Lectura e itinerario posíbel pola Terra Chá de Manuel María, aparecido orixinalmente en 1994- e outros textos máis recentes, nos que incide sobre a relación do poeta coas terras do sur lucense. Posteriormente apareceu Do A ao Z con Manuel María, unha obra dirixida ao público xuvenil que reúne 23 poemas -tantos como as letras do abecedario galego- sobre a vida e a obra do autor de Terra Chá. García tamén publicou recentemente Conversa de Manuel María e Xohán de Requeixo no monte Faro, entre as néboas do tempo, un diálogo ficticio entre o poeta e trobador medieval chantadino.

 

 

Camilo Gómez Torres. O profesor e escritor quirogués ten realizado amplos estudos sobre a vida e a obra do poeta chairego. A fundación que leva o seu nome publicou este ano o ensaio de Gómez A poesía de Manuel María. En tempos recentes foi tamén reeditado un extenso traballo da súa autoría, titulado O tempo vital de Manuel María e aparecido por primeira vez hai unha década.

 

 

Manuel Veiga. Ao longo deste ano apareceron dúas obras sobre o poeta publicadas polo xornalista e escritor monfortino. Unha delas, Manuel María buscando un país, preséntase como unha interpretación sintética da vida e a obra do poeta. Veiga deu tamén ao prelo Manuel María. Vida, versos e rebeldía, que apareceu nunha colección de literatura infantil destinada a nenos de 9 anos en diante e consiste nunha biografía acompañada dunha antoloxía de poemas. O autor fala tamén de Manuel María nun dos capítulos do seu recente libro Todo ser humano é un río, onde tamén son mencionados outros personaxes monfortinos como os poetas Lois Pereiro e Sabela Oxea, o historiador Germán Vázquez, o concelleiro republicano Víctor Martínez e o dirixente galeguista Cesáreo Saco.

 

 

Unha reedición. Un dos libros relacionados con Manuel María que apareceron este ano no sur lucense foi escrito precisamente polo propio poeta. Trátase dos Sonetos ao val de Quiroga, unha obra publicada por primeira vez en 1988 -cun prólogo de Xosé Estévez- que estivo esgotada durante moitos anos. O libro foi reimpreso por iniciativa dos concellos de Quiroga e Ribas de Sil, ilustrado con debuxos feitos por alumnos dos centros educativos de ambos municipios, e presentouse publicamente o pasado febreiro.

 

 

Actos de hoxe

A homenaxe comezará ás doce do mediodía na Casa de Cutura. Nos actos participarán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; os escritores Antón Lopo, Margarita Ledo e Salvador García Bodaño; Manuel Rajo, amigo persoal do poeta, e o alcalde José Tomé, así como alumnos do conservatorio municipal e varios centros educativos.