O proxecto arqueolóxico do castro de Cereixa mira cara ao futuro

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

roi fernández< / span>

Unha fundación apoiada por Abanca encargarase de dar continuidade ás investigacións do xacemento

25 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa de Cultura da Pobra do Brollón acolleu onte unha presentación pública dos resultados da primeira campaña arqueolóxica levada a cabo no castro de San Lourenzo, na parroquia de Cereixa, que incluíu a proxección dun documental realizado polo profesor e escritor Manuel Gago. Os responsables da iniciativa deron tamén a coñecer os planes que manexan para dar continuidade ao proxecto nos próximos anos, que comprenderán a posta en marcha dunha fundación na que participarán a asociación veciñal María Castaña, o Concello e quizá tamén a Deputación, e que contará co apoio económico de Abanca. Segundo as súas previsión, a fundación estará creada antes de fin de ano.

O arqueólogo Xurxo Ayán, director técnico do proxecto, sinalou que as moedas de bronce -unha delas datada en 1065- que foron desenterradas nas ruínas da capela de San Lourenzo, situada dentro do recinto do castro, serán limpadas e restauradas proximamente en Santiago por un equipo de especialistas. Por outro lado, nun laboratorio universitario de Vitoria analizaranse as escouras de ferro que se encontraron no asentamento castrexo-romano. O estudo destes materiais é considerado de especial importancia, xa que os investigadores cren que o castro foi un poboado especializado na fundición de ferro e na fabricación de ferramentas para a mina de ouro romana dos Medos, situada no entorno da actual capital municipal.

As análises de laboratorio das pezas desenterradas nas escavacións do castro de San Lourenzo continuarán ao longo do outono e do inverno. Os resultados destas primeiras investigacións serán recollidos nunha monografía científica que se pretende publicar o ano próximo.

En busca de apoio do Xacobeo

Os promotores do proxecto barallan a posibilidade de organizar o ano próximo un campo internacional de traballo -con apoio da Xunta- para limpar e rehabilitar un vello camiño de carro que rodea todo o perímetro do castro e que se encontra cuberto pola maleza. Así mesmo, nos próximos meses abordarase a posible elaboración dun conxunto de sinais indicadores para facilitar as visitas ao castro e a publicacións de materiais didácticos.

Os responsables da iniciativa pretenden por outra parte solicitar o apoio do Plan Xacobeo para financiar unha parte das actuacións arqueolóxicas no castro, que se encontra xunto ao Camiño de Inverno. Xurxo Ayán sinala que xa hai precedentes deste tipo de apoio e recorda que a Xunta financiou hai algúns anos as escavacións do castro de Castromaior, en Portomarín, que está situado á beira do Camiño Francés.

Outra cuestión que haberá que abordar para o ano próximo é o da consolidación dos restos da capela de San Lourenzo, ou incluso a súa posible reconstrución integral. Con este obxecto, os promotores do proxecto arqueolóxico teñen previsto iniciar negociacións coa Dirección Xeral de Patrimonio.