A Feira das Cabras, unha tradición que non se perde na noite dos tempos

roi fernández, francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ARCHIVO ROI FERNÁNDEZ

As orixes do típico mercado da parroquia chantadina de Merlán remóntanse ao ano 1910

18 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que haxa quen pense que as súas orixes se remontan a tempos moi recuados, a senlleira Feira de Cabras chantadina naceu nunha época tan recente como os albores do pasado século XX As noticias publicadas na prensa de entón indican claramente cando se rexistrou o seu nacemento oficial. O 23 de febreiro de 1910, o Diario de Galicia informou do feito desta maneira: «El Ayuntamiento de Chantada acordó la creación de una feria titulada de San Cipriano, que se celebrará el dieciséis de cada mes en el campo de aquel nombre, perteneciente a la parroquia de Santo Tomé de Merlán, distante a dos kilómetros de aquella villa. La expresada feria se inaugurará el 16 de marzo próximo con asistencia de la banda de música de aquella población y celebrándose además festejos populares». Un día despois, El Correo de Galicia recollía a mesma noticia, que tamén tivo eco noutros medios.

A da parroquia chantadina de Merlán naceu no seu momento como unha feira ao xeito das que había en localidades cercanas, non só de cabras senón de gando vacún e porcino, aves e, por suposto, postos de comerciantes de quincalla e demais. Que as transaccións de caprino tivesen relevancia neste lugar débese á cercanía xeografica da ribeira vitícola e á proximidade no tempo da vendima, compría ter pelellos para o transporte do viño e chacina da cabra para cocela na ribeira o día da colleita. A feira como tal foise perdendo e tan só se celebraba con festa o día de San Ciprián, o 16 de setembro.

Reses para o trato

Segundo conta unha veciña do lugar da Torre, onde se celebra a feira, a principios dos anos setenta era Matías de Belesar quen chegaba cunhas cabras para o trato. Depois todo iso acabouse e o outro veciño da parroquia, Plácido de Rolle, intentou que a tradición aguantase dándolle cen pesos a cada un que chegase con cabras ese día. A feria atraía a un grande número de persoas e a mencionada veciña di que o pozo da súa casa chegaba a quedar sen auga, de tanta que pedían os polbeiros.

Os odres de viño, unha modalidade artesanal local que xa está perdida

A Feira das Cabras de Merlán está estreitamente relacionada coa tradición -hoxe perdida- de elaborar odres de peles de cabra para transportar o viño polas zonas de acceso máis difícil da ribeira chantadina. Cando non había tractores nin camiños ben acondicionados para chegar aos viñedos, os viticultores elaboraban o viño neses mesmos lugares e despois cargábano a ombros.

Un dos últimos veciños da zona que fabricaron odres de pel de cabra foi Manuel Lorenzana Camiñas, quen apareceu nunha reportaxe publicada por este diario en setembro do 2005. Por entón tiña 85 anos e non coñecía a ningunha outra persoa viva que tivese praticado ese labor. Manuel Lorenzana vivía no lugar de Outeiro, na parroquia de Pesqueiras, e nunca fabricara odres para vender. Os que facía eran para consumo propio da súa casa e tamén para algúns amigos e veciños. As súas ocupacións profesionais foran as de carpinteiro, canteiro e albanel, ademais de agricultor. Os que fabricaban odres para comercializalos eran habitualmente os zapateiros, pero había outros veciños -como Manuel Lorenzana- que tamén coñecían a técnica tradicional de preparación das peles a pesar de non seren da profesión.

Outras citas populares da zona que acabaron por desaparecer do mapa

Peor sorte que a feira mensual de Merlán tivérona as que se celebraban antano en Trasouteiro, Penasillás e Portugal. Trasouteiro, da parroquia da Grade tiña a sua feira o día 11 de cada mes, Aínda a recorda a xente maior como tamén a un polbeiro do Carballiño coñecido por Martín o Vello. Penasillás, un lugar pertencente ás parroquias de San Cristovo de Mouricios e San Xoán da Laxe, facía a feira o día 2 de cada mes. E a máis esquecida de todas é a de Portugal, que era o día 13. Esta feira non ten que ver con Valença nin con toallas ao peso. Portugal é unha pequena aldea da parroquia de Adá, hoxe abandonada, ao pé da vella C-533 da Gudiña a Lalín.