«A familia de Manuel Antero é moi representativa do século XIX galego»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Castro leva varios anos estudando o arquivo do pazo monfortino para elaborar unha tese de doutoramento

22 sep 2016 . Actualizado a las 12:52 h.

Natural de Vigo e afincado en Ourense, Felipe Castro acaba de incorporarse como profesor ao instituto chantadino Lama das Quendas. Desde o ano 2013 estuda a documentación histórica gardada nos arquivos do pazo monfortino de Antero, que utiliza para unha tese de doutoramento centrada na historia política e social de Galicia de entre finais do século XVIII e principios do XIX.

-¿Que espazo ocupa na súa investigación a historia da familia propietaria do pazo e a do seu fundador, Manuel Antero Yáñez?

-Ocupa un espazo importante, porque é unha familia moi representativa da vida das élites do século XIX en Galicia. Tivo un peso considerable e relacionouse con moitas personalidades e círculos políticos da época. O poder político e social que exerceron ía máis alá de Monforte. Antero é un dos personaxes máis importantes da primeira metade do século XIX no sur de Galicia pero tamén é moi interesante a figura dun irmán maior seu, chamado Ignacio, que lle levaba máis de vinte anos e que ocupou cargos en moitos lugares, como Zamora, Guadalajara, Valencia ou Cádiz, ademais de estar moi vinculado coa familia do conde de Campomanes, que tiña unha influencia moi grande. A traxectoria de Antero estivo moi marcada pola deste irmán máis vello.

-¿De que signo eran as súas tendencias políticas?

-Antes da guerra napoleónica, a personalidade de Ignacio correspóndese claramente coa dos ilustrados da época e Antero segue tamén esta tendencia. A guerra foi traumática para esta xente, xa que moitos deles foron identificados como afrancesados. Cando se aproba a Constitución de Cádiz e parece que a vida política española vai estar dominada polos liberais, os irmáns semellan estar ben preparados para progresar nese medio, teñen os seus contactos... Pero cando volve Fernando VII e se restablece o réxime absolutista, Ignacio dá un xiro e abandona as súas posicións liberais. Máis adiante, cando Ignacio xa morreu e Antero segue a súa propia traxectoria, está claramente a favor de Fernando VII. Nesa época foi un conservador pero mantiña certas tendencias modernizadoras. Neste sentido a súa traxectoria é moi semellante á do político e militar Luis López Ballesteros, natural de Vilagarcía, que foi unha figura moi importante nesa época.

-Tense dito que Antero estivo relacionado co carlismo.

-Foi acusado de simpatizar cos carlistas, pero en toda a documentación que levo estudado non vin ningunha evidencia de que fose así. É posible que aparezan outros documentos que obriguen a revisar este aspecto, pero por agora non lle vexo ningunha validez a esas acusacións de carlismo, que talvez saíron de xente que o quería quitar do medio. Eu diría que foi un seguidor de Fernando VII desde 1814, cando comezou o reinado deste monarca. Pero desde que este morreu, en 1833, pasouse aos liberais moderados e non ao carlismo.

-¿Que outros aspectos de interese hai na súa vida, aparte das actividades políticas?

-Antero é unha personalidade moi curiosa. Foi moi emprendedor, desenvolveu diversas actividades -como a explotación agrícola directa- e acumulou un grande poder económico. Isto é moi notable, porque desde o punto de vista económico, o século XIX -sobre todo a primeira metade- foi a peor época de toda a historia de Galicia. Tamén sabía escoller á xente de talento para prestarlle o seu apoio, como o matemático, economista e político Vicente Vázquez Queipo, a quen lle pagou os estudos e as viaxes de formación mediante préstamos sen xuros.

«Este fondo documental é unha mina para a historia de Monforte»

Felipe Castro resalta o valor do arquivo do pazo de Antero, non só para o tipo de investigación que el está levando a cabo.

-¿Hai algún aspecto especialmente interesante deste fondo documental para o seu traballo?

-O que me parece moi importante é que estes arquivos conteñen moita documentación privada, unha fonte de información á que lle dou moito valor. A correspondencia privada e outros documentos deste tipo ofrecen un punto de vista diferente do que podemos encontrar na documentación institucional. Ademais, os actuais propietarios do pazo permiten aos investigadores acceder a todos estes documentos sen ningún tipo de restrición e nese aspecto creo que a súa actitude é exemplar.

-Ademais da historia da familia de Antero, ¿cre que no arquivo hai outros materiais de interese para os historiadores?

-Para a historia local de Monforte é unha mina. Hai documentos de moitas épocas, como os séculos XVI e XVII, e moitos deles nunca foron estudados por especialistas. O historiador Isidro García Tato publicou varios tomos con documentos extraídos destes arquivos que están relacionados coas encomendas da Orde de Malta, pero hai moitos máis materiais por investigar. O dono do pazo, Matías Yáñez, ordenou e clasificou moitos documentos cun criterio moi bon, pero aínda así, cando alguén se pón a buscar non paran de aparecer cousas inesperadas. Estamos pensando en difundir en Internet a maior cantidade posible destes documentos para que os investigadores saiban mellor o que hai neste arquivo.