As festas de agosto de 1933, o ano que o teléfono chegou a Chantada

alfredo pardo CHANTADA

LEMOS

O Folión de Carros e a festa da empanada xa figuraban destacados no programa de actividades

28 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin o tempo transcorrido nin os ratos conseguiron extinguir completamente un programa das festas de Chantada na honra á Virxe do Carme que se celebraron en 1933. Naquel verán da Segunda República entre a fronteira histórica do primeiro bienio (1931-1933) e o segundo (1933-1935), e a escasos meses das primeiras eleccións con sufraxio universal que se celebrarían o 19 de novembro de 1933, o alcalde de Chantada en funcións, Casimiro Míguez Regal, anuncia o 23 de xullo de 1933 que para «o día 6 do próximo mes de agosto terá lugar a inauguración do teléfono nesta vila» nun acto para o que tiñan anunciada a súa asistencia o director xeral, o enxeñeiro e o xefe de Lugo e outros cargos da compañía. Recibidos cunha salva de bombas, foron agasallados cunha comida, champaña e tabaco.

Tamén para o día 7 pasaría a Miss España Emilia Docet co comité organizador da Volta Ciclista a Galicia, polo que o alcalde acorda obsequialos «cun lunch, unha salva de bombas e un cuarteto de gaitas do País».

Xa no mes de agosto, o alcalde republicano de Chantada Antonio Noguerol Eyré, presenta a programación das Festas do Carme, que se ían celebrar do 26 ao 29, co adianto o día 18 ás oito dun «solemne novenario na Igrexa parroquial de Santa Mariña» e outro o día 20 cun «gran baile de sociedade nos salóns La Terraza».

A banda ameniza o paseo

En canto ao día 26, o programa anuncia que ás doce da mañá repicarán as campás e o disparo de foguetes avisará do principio dos festexos. Esa mesma mañá, dará un concerto na praza da República a banda de música local, dirixida polo «afamado e competente mestre D. Teodoro Fernández». A banda aínda tocaría entre as seis e as nove da tarde para amenizar «o paseo na avenida de García Hernández».

E ás dez da noite «percorrerá as rúas desta vila, o tradicional Folión, composto de carros alegóricos dos diversos oficios do país, disolvéndose na praza de Galán, onde a citada banda de música e os gaiteiros da Senra e Brigos, interpretarán bailables, queimándose profusión de lumes voadores e terminando os festexos deste día cunha Gran Traca Valenciana».

Unha banda militar

O día 27 empezaba con dianas e alboradas da banda de música e máis o Rexemento de Infantería número 12 de Lugo, «que dirixe brillantemente o mestre Quiroga». Ás dez, «solemne función relixiosa no templo parroquial, executando a Capela de música desta localidade a Misa de Perosi, e a continuación brillante procesión que percorrerá o itinerario de costume».

Para as dez e media da noite estaba prevista unha «espléndida iluminación eléctrica na praza da República, durante a cal as bandas de música e os gaiteiros executarán un selecto programa de bailables e terá lugar a primeira sesión de fogos artificiais, queimándose con profusión e variedade lume de aire e praza, a cargo dos acreditados pirotécnicos irmáns Álvarez Cabo, elevándose ao espazo gran número de globos grotescos».

Misa do Ramo e bicicletas

En canto ao terceiro día das festas, ás nove celebrarase a Misa do Ramo e ás dez celebrarase unha carreira de cintas de bicicleta na avenida de Luciano Trabadelo. O programa anunciaba para as cinco da tarde un «gran partido de fútbol no campo do Sangoñedo, contendendo un bo equipo rexional e o desta vila», e ao seu remate un «paseo de moda e concerto na praza de Galán». Pola noite chegaría o «baile popular na praza da República brillantemente iluminada e segunda sesión de fogos artificiais».

Romaría no «Soto da Morenita»

A novidade da mañá do día 29, o cuarto e último día, ía ser unha festa infantil na praza da República e a «gran romaría galega no Soto da Morenita, a cuxa festa concorrerán as bandas de música e gaitas e un afamado coro galego». Esa noite habería ademais cinema ao aire libre na praza de Castelar e a terceira «iluminación eléctrica» das festas na praza da República. A fin de festa chegaría cunha «traca valenciana, bouquets e un cubo de fogos de artificio».

Os pormenores do programa

Folión de carros

A comisión de festas pedíalle «aos propietarios de carros do país que os faciliten para realizar coas súas verdadeiras características o típico folión». Aos participantes, prometíanlles facilitar «todos os elementos necesarios» para a súa elaboración. Na fotografía da dereita, o carro titulado «A Guitarar», un dos que participaron no desfile daquel ano

Carreira de cintas de bicicleta

Era preciso inscribirse antes do día 24 para a carreira de cintas de bicicleta. Se o número de inscritos era suficiente, a organización prometía organizar «unha batalla de flores»

Festa da empanada

A comisión pedíalle aos veciños que acudisen á romaría do día 29 coas súas familias «para comer no campo a clásica empanada». Prometían «servizo económico de automóbiles»

As sociedades e os bailes

Os salóns das sociedades de recreo La Terraza e a Liga de Amigos «estarán abertos e a disposición dos forasteiros» que queiran participar nos seus bailes

O programa das festas levaba 54 anuncios doutros tantos negocios, con textos ao gusto da época.

Gran Barbería Higiénica. «Últimos modelos de París para señoras e tres cadeiras de brazos americanas para cabaleiros».

Balneario de Mouriscados. «Completamente reformado a 6 km. de Chantada, luxosa instalación para afeccións da pel, reuma, baños, duchas e chorros».

Casa da Visita. «Ferraxería, explosivos, ultramarinos, máquinas Singer. Rexentado por un primo-irmán dun parente dun amigo do ex alcalde da Habana D. Mariano de Césped y Azcárraga».