«Apostamos polo verán cultural»

LEMOS

Manuel Varela Alcalde de ChantadaO rexedor de Chantada destaca a diversidade de actos e a calidade das atraccións das festas

25 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Chantada, Manuel Varela, prevé moita afluencia de público ás festas patronais. O rexedor destaca a variedade do programa de actos e recoñece que o Folión de Carros e a Festa da Empanada son dous dos reclamos máis importantes.

-¿Como se presentan as festas?

-Moi animadas. Sabemos que non é a mellor época, porque estamos case en setembro, pero se o tempo nos acompaña serán uns grandes festexos. Quero destacar que dende o pasado día 5, Chantada está ateigada de xente.

-¿Por que coida que cada vez ven máis xente?

-Hai varias razóns, pero o feito de diversificar as actividades durante todo o mes é un aliciente máis para que a afluencia de visitantes sexa maior. Nós non apostamos por meter todo nun día ou nunhas datas subliñadas, senón que prolongamos actividades durante todo o verán.

-O feito de que se celebren tan tarde pode restar xente. Ante esta situación, ¿habería posibilidade de que os anos nos que so hai catro fins de semana en agosto adiantalas ao terceiro?

-Isto non sería doado, porque hai que ter en conta que así coincidiríamos coas festas de Melide e incluso coas de Monforte. Os festexos de Chantada son a cuarta fin de semana de agosto, e entendo que estas datas históricas deben manterse, salvo que houbese unha opinión maioritaria que apostase polo cambio.

-¿Que destacaría do programa?

-A súa calidade. De todos os xeitos, teño que dicir que os dous pratos fortes do programa son o Folión de Carros, que hai que recordar que é Festa de Interese Turística, e a da Empanada. Trátase de dous acontecementos que actúan, sen dúbida, como auténticos embaixadores de Chantada dentro e fóra da Ribeira Sacra.

-O Folión de Carros mantén o seu protagonismo

-Así é. É unha tradición a través da que vemos e recordamos os oficios típicos do agro e doutros tempos. É verdade que a xente nova descoñece esa época, pero aí están os maiores para asesoralos á hora de confeccionar os carros.

-¿Que os levou a elixir este ano como pregoeiro a Froilán Vázquez Sánchez?

-A súa vinculación con Chantada. Dicíame hai uns días o noso concelleiro José Castor Nóvoa que durante cinco anos o carro que elaborou e no que participou levou o primeiro premio. É unha persoa que sempre se volcou co Folión e coa nosa vila.

-¿Que cantidade aporta o Concello para a organización das festas?

-Aportamos uns 45.000 euros.

-¿En que actuacións están traballando?

-Do que estou máis orgulloso e da entrada en funcionamento do novo centro de día, que conta con 49 prazas. Co obradoiro de emprego trataremos de adecentar o entorno deste edificio, construíndo unha rampa que facilite o acceso dos nosos maiores ao parque público situado nesa zona.

-¿Teñen previstas máis obras?

-Imos mellorar o entorno da praza de Galicia, procedendo ao seu axardinamento. Tamén quero facer fincapé nas obras de acondicionamento que está levando a cabo a Xunta no acceso a Chantada pola estrada 533, na que se colocaron pasos elevados para regular a velocidade.

-Se tivera que elixir unha obra de cara ao futuro máis ou menos inmediato, ¿por cal se inclinaría?

-Hai unha obra emblemática que para min suporá un antes e un despois para Chantada, que é a autovía Lugo-Ourense. Espero que o novo goberno central se centre nesta cuestión e en tres ou catro anos poidamos ter esa vía de comunicación. Suporá un impulso industrial para o polígono e dinamizará economicamente a comarca.

-¿Que mensaxe lle traslada aos lectores?

-Que non lle fagan caso ao tempo e que veñan a gozar das festas. Chantada é unha vila acolledora e ofrece a todos os que nos visitan o mellor.