A Feira do Libro reunirá a sete autores do sur lucense

Francisco Albo
francisco albo DATA / AGENCIA

LEMOS

As xornadas serán inauguradas ás 19 horas de hoxe cun pregón a cargo do monfortino Antón Lopo

24 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A edición número dezaseis da Feira do Libro de Monforte, que comeza hoxe pola mañá na rúa do Cardeal, contará coa participación de sete autores naturais do sur da provincia. Algúns deles tomarán parte nos actos de presentación das primeiras obras publicadas pola nova editorial Chan da Pólvora, un de cuxos principais responsables é o escritor e actor monfortino Antón Lopo, quen por otro lado se encargará de pronunciar o pregón da feira, ás sete da tarde de hoxe.

Para mañá -ás 21 horas- está prevista a presentación dunha destas obras, o poemario Oseira, de Antón Blanco. No acto participarán a escritora Olga Novo, natural da Pobra do Brollón, e o poeta e músico Alfonso Traficante. Este libro é o primeiro que publica Blanco, oriundo de Vilagarcía de Arousa, quen sinala que se iniciou no mundo da poesía por influencia do monfortino Lois Pereiro.

Por outro lado, o escritor e xornalista monfortino Manuel Veiga presentará o venres -tamén ás 21 horas- outro libro publicado por Chan da Pólvora, que aparece baixo o título de Querido Eduardo. A obra, de cuxa edición se encargou Ramón Suárez, recolle as cartas que cruzaron o escritor Eduardo Blanco Amor e o dirixente galeguista exiliado Ramón Suárez Picallo, que trabaron amizade na Arxentina.

Sinaturas de libros

Outros autores da zona estarán na feira para asinar exemplares de obras súas editadas recentemente. É o caso de Xabier Quiroga, natural do Saviñao, quen publicou o ano pasado a novela Izan o da saca, ambientada en grande parte na comarca de Lemos nos tempos da posguerra. Quiroga estará hoxe na feira a partir das 20 horas.

Por outra parte, a escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero asinará exemplares do seu libro Tierras de Lemos: historias, tradiciones y recuerdos, que recolle artigos sobre a historia local aparecidos en diversos medios. Será mañá ás oito da tarde. Ao día seguinte -co mesmo horario- haberá outra sinatura de exemplares, neste caso da novela policial Juguetes de lo desconocido, do monfortino Fernando Hernández, trátase da primeira obra deste autor, quen traballa como policía local no Barco de Valdeorras.

O último autor que sinará libros na feira será o chantadino Xosé Lois García, ás oito da tarde do sábado. Autor dunha vasta obra literaria que abarca múltiples xéneros, García publicou hai pouco varias obras ensaísticas e biográficas sobre Manuel María, a quen están dedicadas estas xornadas. Estes traballos titúlanse Manuel María reencontrado, Do A ao Z con Manuel María e Conversa de Manuel María e Xohán de Requeixo no monte Faro, entre as néboas do tempo.

Escritores doutras partes de Galicia e de moito máis lonxe

Na feira monfortina, ademais dos escritores nativos do sur da provincia, haberá autores doutras orixes. Entre eles estará Estefanía Padullés, unha catalá asentada en Paradela desde hai varios anos que traballa no ámbito da literatura infantil. En Monforte asinará -ás oito da tarde de hoxe- a súa obra máis recente, La canción del sol. Media hora máis tarde fará o mesmo o escritor ourensán Alberto Canal, quen está promocionando actualmente a súa segunda novela, O amor nos escuros días de Birkenau.

Por outro lado, o venres visitará a feira -ás 20 horas- o vigués Fran Zabaleta para asinar aos lectores exemplares da súa novela histórica Tiempo de halcones, ambientada na Galicia da época previa á revolta irmandiña.

O sábado serán tres os escritores que pasen pola feira. Ás 13 horas, o sevillano Teo Palacios -autor de novelas históricas como El trono de barro- impartirá un obradoiro literario para adultos. Ás sete da tarde, Rocío López Núñez -natural de Láncara- asinará a súa novela Ladrona de vidas. Por último, ás 21 horas, a autora colombiana Stella Estrada presentará a súa obra narrativa Nadie muere la víspera.