O túnel da muralla podería ser un paso para conducir aos aforcados

Adolfo de Abel Vilela

LEMOS

Óscar Cela

29 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Recentemente apareceu un pasadizo con entrada e saída ao tramo da muralla comprendido entre Porta Nova e a do Bispo Odoario. Aínda que a entrada polo interior está modificada, este túnel ten unha altura de máis de dous metros baixo o adarve ao que se accedía baixando unha escaleira de catorce pasos con saída ao exterior a través doutra escaleira. Este oco foi utilizado modernamente como cloaca, pero polas súas características opino que non foi construído para este uso, nin tampouco para curtir peles, senón para outro ben distinto.

A hipótese que se veu manexado ata agora é relacionalo co curtido de peles polo feito de que apareceron restos de coiros, que posiblemente procedían dun taller dedicado ao traballo deste material na última casa da Rúa Nova, lindeira coa muralla. Creo que se debe refugar esta hipótese dado que o curtido de peles estaba regulamentado polo seu mal cheiro. De feito na Idade Media e parte da Moderna facíase na Rúa da Tinería, que era o arrabalde da cidade medieval, próxima ao rastro ou matadoiro que se atopaba na zona da actual Rúa do Carboeiro e Praza da Soidade.

O curtido de peles estaba regulado polo gremio de Santa Catarina, e no século XVIII os pilos de curtido trasladáronse fóra da muralla, a Paradai, para evitar que molestase o seu mal cheiro.

A partir do século XVIII, a muralla comezou a utilizarse como paseo e como o Concello aforaba os ocos que había entre dúas torres para construír casas, ao facer a concesión do foro entre as condicións que se impoñían estaba a de prohibir oficios que ocasionasen fume, como os ferreiros e panadeiros, mesmo se van a controlar as chemineas das casas destinadas a vivendas para que o fume non molestase ao paseante.

O mesmo ocorreu co curtido de peles pois a partir do 30 de setembro de 1775, condiciónase o uso destes terreos, de maneira que «en los huecos de dichos cubos, háganse o no casas, no se han de poder curtir ni adobar pieles, poner tinaja ni otra cosa a esto tocante, ni que ocasione hediondez ni mal olfato».

Por tanto se se prohibía por fóra, hai que entender que tamén estaba prohibido por dentro, ademais un pilo era un recipiente estanco e as estruturas de lousa sen ningún tipo de revogue que as impermeabilizasen impedirían que se puidese acumular a auga necesaria para o adobo das peles. Por tanto considero que esta obra non foi feita con esta finalidade, nin sequera que fose reutilizada para iso.

Un pilo ou unha cloaca non necesitan escaleiras á entrada e á saída do túnel. Entón ¿para que se fixo? Nesa zona, na parte exterior da muralla, estivo o chamado Campo da Forca, lugar onde eran axustizados os condenados para sufrir a pena capital. O cárcere estaba onde hoxe se atopa o edificio da Subdelegación do Goberno, xa antes da construída polo bispo frei Francisco Armañá en 1775. Estes reos non podían saír polas portas Miñá, San Pedro e Nova por estar consideradas como chan sacro xa que nelas había capelas con culto a San Ramón, á virxe das Ermidas e a dos Remedios e Santa Mariña respectivamente. As únicas portas que non tiñan este carácter eran a do Poxigo, actual de Santiago, e a Falsa, portas que en moitos períodos estiveron pechadas. Por tanto, este túnel sería un pasadizo para levar cara ao patíbulo por lugar non sacro aos condenados para morrer na forca, mesmo hai quen di que neste lugar houbo unha pequena edificación para ter en capela aos reos. Por todo iso é probable que sexa o Paso dos Aforcados.