Medio século de «extensionismo» agrario en Chantada

alfredo pardo CHANTADA

LEMOS

arquivo A.p.

En 1956 empezaron os intentos por profesionalizar a agricultura e gandeiría da comarca

24 jul 2016 . Actualizado a las 12:57 h.

Tras a Guerra Civil e as políticas isolacionistas, a perturbación nos primeiros episodios fomentou a imposición da autarquía económica. Pero a falta de formación e modernización do mundo rural facía que este sistema de subsistencia non alcanzase para establecer unha xerarquía de caracteres agrarios propios e produtivos. É por iso que mediante orde ministerial do 30 de Setembro de 1955 se creaba o Servizo de Extensión Agraria, dependente do Ministerio de Agricultura.

As Axencias Comarcais creáronse en 1956, establecéndose en zonas agrícolas e cabeceiras de comarca. A primeira que se puxo en marcha en Galicia foi en Negreira (A Coruña), alí o mozo salmantino Ángel Palomero Bretón empezou a realizar as súas práticas. O daquela alcalde de Chantada, José Regal Vázquez, recibiría unha notificación datada o 13 de novembro de 1964 do secretario xeral da Dirección Xeral de Capacitación Agraria do Ministerio de Agricultura que lle anunciaba a creación nesa localidade dunha axencia comarcal de Extensión Agraria.

Cun mapa do Exército

Palomero Bretón é destinado a Chantada e chega o 15 de xaneiro de 1965. Pediulle ao Exército un plano de Lugo para coñecer todas as parroquias e compartía traballo cos axentes Miguel Carbonell e Jesús Ortega. Palomero, que sería o xefe desta axencia comarcal, lembra que «a primeira oficina estaba na casa da Irmandade de Labradores, na estrada de Lugo, pero dous anos máis tarde foi trasladada ao Campo da Feira», cedendo o Concello o edificio en precario en 1981 a Jesús Fernández Rodríguez, Presidente da Asemblea Local da Cruz Vermella de Chantada. En 1980 aínda se trasladarían outra vez ás antigas dependencias do Concello despois da construción do novo edificio da casa consistorial.

En 1958 empezou o traballo coas mocidades agrarias e en 1959 cos mestres nacionais das zonas rurais, nos chamados Cotos Escolares de Previsión. Ángel Palomero conta que os menores de 14 anos «se iniciaban no coñecemento da agricultura e gandería». Este sistema educativo complementario utilizaba unha nova metodoloxía que incluía prácticas e tentaba darlle carácter profesional ao ámbito agrícola.

Habilidades xa as había

Con esta política agraria tentaron cambiar o comportamento nos labores agrícolas e gandeiros, incluíndo un servizo técnico con carácter educativo e demostrativo, pero reafirmando as habilidades e aptitudes das xentes do rural. O extensionismo proporcionou un servizo de proximidade de carácter comunitario para actuasen na mellora social e agraria. O fomento do cooperativismo asentou as bases da actual cooperativa Icos e tamén a realización de numerosos camiños públicos.

Desde a axencia comarcal estudaban a situación e problemas dos gandeiros e trataban de cambiar o lento ritmo das pequenas explotacións e de mellorar a súa baixa produtividade. Para iso, sinala Ángel Palomero, «realizábase un estudo da comarca, un programa de traballo e os chamados plans anuais de actividades. Neles sinalábanse os obxectivos e os distintos pasos e procedementos a seguir».

Os profesionais da axencia trataban de proporcionar ao novo agricultor coñecementos técnicos e matemáticos, ademais de romper con prácticas erradas, como a falta de silos axeitados. «Eran subterráneos -recorda Palomero- e estragábase a herba pola humidade. Extensión Agraria impuxo «o sistema de silos trincheira, sobre a terra, en forma trapezoidal con sumidoiros de descarga de auga».

Extensión Agraria, coñecida daquela polas siglas SEA, iniciou ademais a substitución do millo do país por outras variedades híbridas de mellor calidade e rendemento adaptados os distintos terreos e ciclos; a modificación de hábitos en sementE da pataca de Álava pola Kennebec e outras; e mesmo o tratamento de viñas do caldo bordelés polo oxicloruro de cobre. «Antes -sinala Ángel Palomero, os agricultores traballaban a terra para o autoconsumo e o sobrante era destinado á venda en feiras. Inculcóuselles novos métodos para un mellor rendemento e calidade nos produtos».

Viveiros para leitugas

Perderse entre os infinitos carreiros da comarca tamén entraba na axenda de Palomero Bretón. Reunións, visitas e demostracións formaban parte da súa organización laboral. Tamén as observacións de campo para medicións e análises de chans e modificacións nas explotacións gandeiras. «O S.E.A. -explica- tamén dispoñía de servizo de veterinarios , avogados e peritos, realizamos numerosas excursións para ver outras explotacións ou maquinarias. Ademais de introducir en Chantada novas sementes e métodos como os viveiros familiares 4x8 para leitugas, tomates e pementos, que brotaban antes que os da ribeira ou a cría e ceba de pitos».

O municipio de Chantada conseguiu naquela época un ciclo da Formación Profesional Agraria, pero non duraría moito tempo nesta localidade. «Despois iría a Monforte por ter mellores condicións técnicas tanto na edificación como nos terreos adxuntos», recorda Palomero. O xefe da axencia comarcal propúxolle entón ao alcalde José Regal a creación en Chantada dunha Feira Comarcal de Gando. Celebráronse varias edicións entre os anos 1965 e 1972 no campo da feira, con exposición de maquinaria incluída.

Ángel Palomero sentaría as primitivas bases para a Feira do Viño e cos seus camaradas realizaron a concentración parcelaria. Rememora Palomero «que nunha parroquia a un compañeiro díxolle un paisano que se volvía por alí sacaríalles a pistola e houbo que anular a concentración parcelaria cando xa case estaba realizada».

Ángel Palomero chegou en xaneiro do 1965 coa misión de modernizar a agricultura

O novo servizo rompeu con prácticas como a dos silos de herba soterrados

Perdas millonarias polas xeadas do mes de maio de 1982

As bruscas variacións meteorolóxicas que se produciron no mes de maio de 1982 deixaron importantes danos nos viñedos e árbores froiteiras. O 3 de xuño de 1982, sendo alcalde Manuel R. López Campo, o Concello recibe unha comunicación da Axencia de Extensión Agraria informando dos «danos que se produciron neste municipio a consecuencia das xeadas». Os técnicos valoraban as perdas nos viñedos en 24 millóns de pesetas e nas froiteiras de 25,2 millóns mais. Envían a certificación á Consellería de Agricultura da Xunta de Galicia e ao Goberno Civil da provincia para solicitar subvencións.

O Gobernador de Lugo Juan Manuel Iglesias Rivera, envía unha circular o 9 de xullo «acompañando oficio da Sección Técnica especial de Apoio do Ministerio de Agricultura, no que se expoñen as axudas e beneficios a que poden acollerse os veciños prexudicados polas expresadas xeadas».