«Para que haxa fútbol en Sober teñen que existir os dous clubes»

LEMOS

O máximo mandatario do Río Sil considera que unha posible fusión dos equipos non sería o máis indicado

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O xogador do Río Sil, Cristóbal Pérez, presidirá mañán como máximo mandatario do clube da Carqueixa as súas vodas de prata. Dende fai sete tempadas, este futbolista ocupa o cargo de presidente e aproveita este intre histórico para analizar cuestións relacionadas coa entidade. Pérez xustifica a creación do Río Sil como unha alternativa dentro do municipio de Sober, e sobre unha posible fusión, adimte que non ve esta fórmula a curto prazo.

-¿Como chegou á presidencia do Río Sil?

-Foi a raíz da demisión da anterior xunta directiva que encabezaba o meu tío, Albino Rodríguez. Entre el e os que o acompañaron animáronnos aos futbolistas a que colleramos o clube. Fixémolo, e como eu era o que máis tempo tiña daquela, elixíronme como presidente.

-¿De que maneira podemos definir este clube?

-O Río Sil formámolo un grupo de amigos que nos gusta xogar ao fútbol e estar xuntos. A nosa razón de ser son os máis de trescentos socios que temos actualmente. Teñen moito interese en que o clube continúe competindo. Mañán, no xantar de confraternidade con motivo das bodas de prata, xa temos máis de 160 socios anotados. Ten moito mérito, tendo en conta que estamos en plena ponte festiva.

-¿Por que naceu o Río Sil?

-Non naceu como protesta, senón como unha alternativa ao que xa había no concello. Daquela, os futbolistas do municipio tiñan máis dificultades para xogar no Sober, polo que un grupo de persoas viron na creación do Río Sil unha solución. Neste clube xoga todo o mundo, porque o importante é disfrutar do fútbol, incluso por enrriba dos resultados.

-Nos últimos tempos falouse dende algúns sectores coa posibilidade dunha fusión entre Río Sil e Sober, ¿sería posible?

-Non sería inviable, pero nestes intres vexo complicado. Serían os socios os que terían que decidilo, pero entón tería que vir outro presidente e outra directiva. Eu son da opinión que para que siga habendo fútbol no concello teñen que seguir existindo os dous equipos, porque un tira polo outro. Ademais, as relacións entre as dúas directivas e os xogadores son moi cordiais.

-¿Con que intres se quedaría nestes vintecinco anos de historia?

-Houbo intres moi emotivos, como foron as semifinais da copa Deputación e as tres promocións que disputamos, pero hai un acontecemento que proxectou ao Río Sil no mundo, que foi debú do noso querido Florencio Rodríguez no equipo con 67 anos. Foi impresionante, porque o día do partido de copa ante o Sober na Carqueixa estiveron máis de medio millar de afeccionados. Foi un impacto mediático, e incluso permitiu a Florencio falar cun dos seus ídolos, o madridista Amancio Amaro. Ese intre quedará para a historia do noso clube.

-Desde hai tempo vostedes veñen falando da necesidade de remozar as instalacións da Carqueixa, ¿cales serían as actuacións prioritarias?

-Necesitamos un sistema de rego e darlle unha volta aos vestiarios e as gradas. As institucións xa saben o que hai, polo que a pelota está no seu tellado.

-¿Reciben respaldo económico do Concello?

-Si. Sempre que nos diriximos ao alcalde amosa boa disposición.

-¿Con que orzamento contan?

-Temos un orzamento que ronda por tempada os 3.000 euros, que cubrimos coa aportación dos nosos socios.

-¿En que consistirán os actos de mañán en Cadeiras?

-Teremos un xantar de confraternidade. Actuarán Os Parentes, entregaremos un agasallo a cada socio e faremos un recoñecemento aos directivos que máis levan traballado polo Río Sil ao longo da súa historia.

-¿Que mensaxe lle traslada aos socios e afeccionados do Río Sil?

-Agradézolles o apoio que nos veñen dando tempada tras tempada. Pídolles que continúen nesta liña, porque son fundamentais para que o equipo colleite bos resultados.