Salcedo despide ao seu párroco Manuel Montero

La Voz

LEMOS

Os funerais do sacerdote oficiaranse mañá na súa localidade natal de Val do Incio

13 jul 2016 . Actualizado a las 12:41 h.

Na igrexa da parroquia de Val do Mao, no municipio do Incio, oficiarase ás seis da tarde de hoxe o funeral do sacerdote Manuel Montero López, que durante grande parte da súa vida foi párroco de Salcedo, na Pobra do Brollón. O velatorio ten lugar no tanatorio La Cruz, na capital municipal.

Manuel Montero, natural de Val do Mao, foi asignado á parroquia de Salcedo cando era aínda moi novo. Os veciños recordan que cando se asentou na localidade, a principios dos anos setenta, aínda non cumprira o servizo militar. Despois de facelo regresou a Salcedo e ocupouse da parroquia de forma ininterrompida ate o seu falecemento, aos setenta anos de idade.

Durante este tempo, Manuel Montero destacou polas súas iniciativas a prol da mellora das condicións de vida dos veciños da parroquia e do resto do municipio, o que lle valeu o aprezo xeral. Unha das súas actuacións máis lembradas consistiu na realización das xestións necesarias para que a localidade contase cunha traída de auga propia, xa que anteriormente dependía para este servizo dunha parroquia veciña. Así mesmo, colaborou coa asociación veciñal na organización das xornadas de teatro popular que se celebran en Salcedo durante as festas do Entroido e que constitúen un dos sinais de identidade da parroquia.

Actividade política

O sacerdote distinguiuse tamén pola súa actividade política. En 1998 foi candidato á alcaldía por Democracia Galega. No conseguíu facerse co mando da corporación municipal, pero ingresou nela como concelleiro. A súa candidatura resultou controvertida, xa que foi denunciado baixo a acusación de ter incluído na lista a un veciño que xa formaba parte da candidatura do BNG. Máis tarde, Montero cualificou este episodio como «un malentendido». Dous anos despois de saír elixido como concelleiro abandonou este cargo debido ás instrucións emitidas naquela época pola Conferencia Episcopal Española, que obrigou a todos os eclesiásticos que estivesen implicados en actividades políticas a renunciar a elas. Non obstante, o párroco apoiou a candidatura de Iniciativa Galega nas eleccións municipais do 2003.

Nunha entrevista publicada por este diario en novembro de 1998, Montero afirmaba non ter «ningunha ideoloxía de partido», aínda que recoñecía por outro lado que sempre simpatizara co nacionalismo moderado. «O que necesitan os veciños, máis que ideoloxías ou siglas, é ter representantes que estean con eles e que atendan os seus problemas», sinalaba así mesmo o párroco. Na mesma entrevista declarou que resolvera presentarse como candidato a alcalde ?a pesar de ter constancia de que o bispo lucense non estaba «moi de acordo» con esa decisión? pensando que A Pobra do Brollón estaba «moi mal en todos os sentidos». O desemprego, a despoboación, a «desorganización do campo», a precariedade da asistencia social e a falta de actividades deportivas e culturais para os nenos e xoves eran algúns dos principais problemas que pretendía combater no municipio.