Falta de vixiancia

Adolfo de Abel Vilela

LEMOS

09 jul 2016 . Actualizado a las 18:46 h.

Suso Varela insiste moito en fixar todo o feo, o pouco grato, o mal cheiro, o comercio co corpo e o antiestético a «cien metros de su caña». Todo iso pódeo ter un diante da súa mesa. A Xunta e algúns particulares, gastamos o diñeiro que non tiñamos en colaborar a facer do barrio do Miño un lugar de goce para os lucenses e ao mesmo tempo que fose un polo de atracción para os turistas, pero lonxe diso esta parte do Burgo Vello medieval converteuse nun lugar marxinal e antiestético.

As prostitutas teñen tres lugares de concentración, fronte á oficina de Turismo da Xunta, á altura da Travesía do Miño e na confluencia da rúa do Miño coa da Tinería. O turista que chega a demandar información non só se atopa coas señoras que ofrecen os seus servizos, senón cunha permanente morea de lixo por un empeño do Concello de poñer os contedores a partir das sete da tarde, cando debían de estar todo o día para evitar esta mala imaxe. Como os horarios de peche de determinados establecementos non se cumpren, algún está aberto ás 7 da mañá, vese e faise de todo. As portas das casas e calquera recuncho sirve para liberar augas menores. Fai uns días ao pasar polo primeiro tramo da rúa de Armañá, desde a Praza do Campo, o cheiro era nauseabundo. Nese lugar un establecemento de hostalería coloca a súa terraza, de maneira que xa se poden imaxinar con que ganas se van sentar os posibles clientes.

As portas, as paredes de casas recentemente rehabilitadas, están cheas de pintadas. Algúns xa cansamos de limpalas e de pintalas. Nalgunha ocasión identificouse e denunciouse a algún destes artistas e no xulgado arquivaron a causa. Ao que isto escribe rompéronlle un cristal dunha fiestra cun botellín de cervexa que lle custou repoñer 80 euros.

Aínda que hai normativa que impide beber na rúa, ás 7 da mañá dun venres pola rúa da Catedral non se anda co lixo que queda, e péganselle os zapatos ao chan. A Praza de Pío XII e a muralla encima de porta de Santiago é o lugar onde agora se organiza o botellón. O cheiro a ouriñes en toda a contorna da catedral, é nauseabundo. E todo isto ocorre por que o Concello non cumpre coa súa obriga, pon patrullas de vixilancia, de uniforme e de paisano, a partir da 1 da madrugada, do venres e do sábado, controlando e sancionando.