O cuarto seminario de música e baile de Monforte será do 18 ao 26 de agosto

monforte / la voz

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

As actividades serán ofrecidas polo conservatorio municipal Mestre Ibáñez

29 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre o 18 e o 26 de agosto desenvolverarse a cuarta edición do seminario de verán de música e baile que imparte anualmente o conservatorio municipal monfortino Mestre Ibáñez. O programa de actividades foi presentado onte pola concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o director do referido centro, Fernando Sanmartino. O seminario está aberto a todos os públicos, pero diríxese preferentemente a nenos. «Pode ser especialmente interesante como reforzo para alumnos que sigan estudos de música, sobre todo se teñen que examinarse en setembro», sinalou Sanmartino.

Por unha parte, o seminario comprende unha serie de obradoiros musicais que comprenden as especialidades de improvisación e creación musicais, percusión moderna, percusión tradicional galega, guitarra, piano, violín, gaita, saxofón, clarinete, trombón, trompa, trompeta, tuba, frauta e bombardino. Cada alumno pode cursar ata tres destas modalidades.

O programa inclúe ademais clases de ballet clásico -para nenos de máis de 6 anos-, danza moderna -a partir dos 9 anos-, danza tradicional -para todas as idades- e baile de salón para adultos. Así mesmo, habrá un obradoiro de música e movemento -con base de hip hop- para nenos de 5 a 9 anos.

O prezo da matrícula é de 25 euros e as inscricións poden realizarse do 4 de xullo ao 12 de agosto. As matrículas deben ser formalizadas nas oficinas do conservatorio -no edificio multiusos- de luns a vernes e de 10 a 13 horas.