Publican unha «revista de estudos do Miño medio»

chantada / la voz

LEMOS

Está impulsada por la Irmandade Cultural País do Faro

28 may 2016 . Actualizado a las 12:30 h.

O 11 de xuño será presentado en Chantada -a data e o lugar daranse a coñecer máis adiante- o primeiro número da publicación Alicerces, que levará por subtítulo Revista de estudos do Miño medio. A edición está impulsada pola Irmandade Cultural País do Faro, que leva traballando neste proxecto cerca de tres anos.

A idea de publicar esta revista, segundo explican os promotores, surxiu a finais do 2013 por iniciativa do historiador chantadino Claudio Otero Eiriz, que no mesmo ano gañou o premio de investigación Condado de Pallares pola obra A Chantada fabril, na que estuda a historia da industria local do curtido de peles. O director da publicación é o sacerdote e historiador Xosé Méndez, autor de investigacións históricas sobre o mosteiro de San Salvador de Asma. Ademais destas dúas persoas, o consello de redacción estará formado por Andrés Pavón -presidente da entidade que edita a revista-, a historiadora Begoña González e José Antonio Quiroga, director do Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao.

Cerca de 250 páxinas

O primeiro número da revista ten unha extensión de cerca de 250 páxinas e conta ademais coa colaboración da socióloga Julia Varela e do catedrático de institucións económicas Xoán Carmona. Entre os seus contidos figura unha entrevista ao enxeñeiro agrónomo José Mouriño Cuba, un dos impulsores da denominación de orixe Ribeira Sacra. A publicación, segundo os seus responsables, abordará «o pasado, o presente e o futuro» dos municipios de Chantada, Taboada, Carballedo, Pantón e O Saviñao, así como as zonas limítrofes.