Un 17 de maio con poesía e música

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Os grupos Punkdeireteiras e Searas ofreceron unha foliada na praza do Cantón de Chantada na véspera do festexo.
Os grupos Punkdeireteiras e Searas ofreceron unha foliada na praza do Cantón de Chantada na véspera do festexo. roi fernández

Os municipios do sur lucense acolleron numerosas celebracións en memoria de Manuel María

18 may 2016 . Actualizado a las 12:40 h.

O sur lucense foi o escenario da maior parte da vida de Manuel María, pero as celebracións oficiais do Día das Letras Galegas -seguindo a tradición- tiveron lugar na súa localidade natal de Outeiro de Rei. Porén, nos municipios da zona no faltaron chomenaxes ao poeta. Nos centros educativos xa houbo diversas actividades nos últimos días. Entre elas, as que organizou o instituto monfortino Daviña Rey, onde se celebrou un recital de poemas e unha actuación do grupo musical En Clave de Fado, que intepretou algunhas pezas baseadas en textos do autor de Muiñeiro de brétemas. Outro lugar onde houbo festexo foi colexio Torre de Lemos, tamén en Monforte. A radio escolar emitiu unha entrevista dramatizada co poeta e houbo varias actuacións musicais que incluiron unha versión rap dun poema do homenaxeado.

En Chantada, a festa cultural foi precedida o luns pola noite por unha foliada na praza do Cantón, na que actuaron os grupos locais Punkdeireteiras, Searas, Os Frades do Convento, Suasairas, Lucecús, Trespés e Rondalla Carballo Vello. Onte pola mañá tamén houbo celebracións en Quiroga, municipio que dedicou a Manuel María o nome da sala de exposicións da Casa de Cultura. Pola tarde organízaronse festivais de música tradicional nas casas de cultura da Pobra do Brollón -onde actuou o grupo da escola musical Samoeiro- e Monforte, coa participación da coral polifónica do Concello e da formación Xograres de Lemos.

As librerías da zona, por outra part, non acostuman organizar ningunha actividade especial nestas datas. Unha excepción foi a librería monfortina Agrasar, que instalou na rúa Cardeal un posto con libros de Manuel María e doutros autores en lingua galega.