Patrocinado porPatrocinado por

A apicultura, unha actividade en pleno auxe na serra

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

AGRICULTURA

ALBERTO LOPEZ

Nos últimos anos, o número de colmeas na zona creceu cerca dun 20%

14 may 2016 . Actualizado a las 18:30 h.

A Estación Científica do Courel acolle esta fin de semana un curso de iniciación á apicultura promovido pola asociación galega de produtores apícolas, unha iniciativa que ten por fin potenciar esta actividade nunha zona considerada como de grandes posibilidades neste terreo. Segundo as estimacións desta entidade, a apicultura está adquirindo cada vez máis importancia en toda a comarca quiroguesa. «Esperamos que asistan ao curso unha trintena de veciños, moitos deles xente nova que se está iniciando», explica Suso Asorey, presidente de Asociación Galega de Apicultura (AGA).

As cifras máis recentes da asociación, que datan do 2013, indican a existencia na comarca de en torno a 6.000 colmeas. Este dato engloba a todos os produtores instalados na zona, non só aos que están inscritos na AGA. Pero os responsables do colectivo calculan que nos últimos anos se rexistrou un incremento de arredor dun 20%, o que situaría a cifra actual perto das 7.200 colmeas. «O importante é que agora hai xente nova que se interesa pola apicultura e que pode tomar o relevo da xeración anterior», apunta a este respecto Asorey. Ao seu xuízo, é posible que este incremento no número de apicultores se deba en parte á crise que padeceu nos últimos anos o sector pizarreiro, unha das principais fontes de emprego na zona, e que obrigou a buscar outros recursos económicos. «Para algúns a apicultura é só un pasatempo, pero para outros é unha actividade complementaria importante», apunta.

Unha zona propicia

Suso Asorey indica por outro lado que na comarca hai capacidade suficiente para aumentar dunha forma considerable a produción de mel e pole e mesmo para que a zona se consolide como unha das máis importantes de Galicia neste campo. «Hai moito monte que se pode aproveitar perfectamente para criar abellas», comenta. Unha vexetación melífera abundante e variada, unhas condicións climáticas e ambientais moi favorables -a cabalo entre as zonas bioxeográficas atlántica e mediterránea- e un baixo nivel de contaminación, agrega o presidente da AGA, únense para producir un mel de alta calidade e de características moi recoñecibles que está entre os que teñen máis demanda no mercado galego. «Esta zona é todo un paraíso para as abellas e iso nótase na calidade e na abundancia do mel», agrega.

Pero ao igual que sucede xeralmente no resto de Galicia, aínda son unha minoría os produtores que teñen esta actividade como única ou principal. «Na situación actual, non se pode recomendar a todo o mundo que opte por esa vía, pero nunha zona como esta a apicultura supón sen dúbida unha actividade complementaria moi interesante, que se pode combinar ademais con outras actividades tradicionais como a produción de castañas e cogumelos ou a cría extensiva de animais», engade Asorey.

Os problemas de acceso e o risco de incendios, os dous principais obstáculos para os produtores

Segundo o presidente da Asociación Galega de Apicultura, os problemas de acceso supoñen unha das principais barreiras para o crecemento desta actividade da Serra do Courel e no val de Quiroga. As condicións orográficas fan difícil reaproveitar moitas alvarizas ou colmeares tradicionais, situadas en lugares estratéxicos para a cría das abellas. Tradicionalmente, o mel producido nestes recintos amurallados era extraído con cántaros transportados sobre cabalerías, un método que hoxe non resulta rendible. Para poder explotar de novo estes colmeares sería preciso abrir camiños que permitan o acceso de vehículos motorizados nos lugares onde sexa posible. «Pero aínda así hai moitísmo terreo aproveitable para instalar colmeas modernas», puntualiza Asorey.

Outro problema para potenciar a apicultura na zona, en opinión de Suso Asorey, é o risco de incendios forestais, especialmente prexudiciais para unha actividade como esta. «Temos o caso recente do incendio que houbo o ano pasado no val do Lóuzara, unha zona cunha tradición apícola moi importante», indica. «Hai que afrontar estas cousas para atreverse a meter as abellas no monte, que é onde teñen que estar para producir o mellor mel», sinala por outro lado.

Para os veciños da zona que queiran dedicarse á apicultura, Asorey recomenda asistir a algún curso formativo «e despois ler algún libro e comezar a probar cunhas poucas colmeas». Aconsella tamén integrarse na asociación de produtores «para estar ben informados e para facer forza para loitar polo sector».