¿Terras de Chantada ou Terras de Asma?

claudio otero, xosé méndez CHANTADA

LEMOS

ROI FERNANDEZ

Os autores fan unha proposta para denominar o hipotético concello que unificaría a comarca

07 may 2016 . Actualizado a las 22:35 h.

Hai uns días soubemos unha proposta sobre a fusión municipal dos concellos que forman a chamada comarca de Chantada, entelequia administrativa que xamais albiscou cumprir os obxectivos polos que foi trazada pola Xunta no ecuador dos anos noventa. O papel acotío demóstranos que o soporta case que todo. O caso é que no transo da lectura viñeron acubillarse aos nosos maxíns unha ringleira de pensamentos desenfiados dos que pasamos a comentar algúns deles.

Sen alongarnos na materia, nin podemos nin queremos, o certo é que nos ruxerruxes dos ambientes académicos da materia xa hai tempo que unha certa unanimidade se empoleirou na postura de que o actual mapa municipal de Galicia é inviable e que, como consecuencia do anterior, a súa reforma farase con responsabilidade, desde o territorio e para o territorio ou, pola contra, pode acontecer que pasados un par de ducias de anos alguén desde un despacho de Madrid ou Bruxelas faga un estupendo exercicio de racionalización administrativa do territorio. Seguindo este ronsel estanse a facer iniciativas de fusión municipal por todo o país, entre elas, a de Chantada.

E dicimos Chantada e dicimos mal. Xa que deberiamos ter dito Asma, que é do que, polo demais, queriamos falar nós aquí. Os que limos a Jaime Delgado ou Nicandro Ares sabemos que na documentación medieval fálase de Terras de Asma e non tanto de Chantada (Plantata) cando se bota unha ollada sobre este territorio. Así ao consultarmos a documentación atopámonos no actual concello de Taboada, por exemplo, nos anos 1259 e 1291 unha morea de documentos que falan de Castelo de Asma, no ano 1255 o lugar de Carude «en terra de Asma», varios documentos dos anos 1246 e 1254 do mosteiro de San Pedro de Bembibre tamén «en terra de Asma» ou de San Xulián do Campo do ano 1280 «en Asma». No actual concello de Carballedo temos no ano 1269 Santa Mariña «en terra de Asma», o mosteiro de Chouzán «en terra de Asma» no ano 1144 -e isto nunha doazón real-, San Xoán de Milleirós «en terra de Asma» no 1552, ou no 1242 e 1552 San Xoán de Loureiro «en terra de Asma». Ao respecto do actual concello de Chantada non citamos nada pois son numerosas as referencias e xa nos prolongamos de máis.

 

Documentación abundante

Ademais do anterior, moitos documentos, case que todos inéditos, describen as vizosas propiedades que a catedral de Lugo tiña pola zona de Taboada e cerca da actual subestación de Fenosa «en terras de Asma». Amais, o arquiveiro que nos séculos posteriores organiza o arquivo pon no reverso dos documentos «da cillería de Castelo de Asma» ou de tal sitio co apelativo e topo-hidrónimo «de Asma» o que indica que era algo asumido e común coñecer a actual comarca de Chantada coma «Terras de Asma».

Xa que logo, o nome do futuro concello debería xirar arredor do topónimo ou hidrónimo de Asma, está por estudar que foi primeiro, e non ligarse a outros accidentes da xeografía local coma a Serra do Faro a onde, polo demais, seica non quixo nin subir o diaño coa súa nai ás costas. E que, amais, en tal caso non seria Faro senón «Niveco» (1073) ou Navego, xa que así se chamou até o século XIX a tenencia ou arciprestado de «Navego» e non do Faro, malia que as súas parroquias estaban ao seu pé. Por tanto, Faro é de onte á tardiña aínda que o usase Xoán de Requeixo. Cousas da toponimia, que lle imos facer.