Patrocinado porPatrocinado por

Un curso de apicultura incidirá nas posibilidades desta actividade

quiroga / la voz

AGRICULTURA

A iniciativa é da asociación galega de produtores en colaboración coa estación científica

30 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As localidades de Seoane e Seceda, no municipio de Folgoso do Courel, acollerán o mes próximo un curso de apicultura que incidirá nas amplas posibilidades que ofrece a zona para desenvolver este tipo de actividades. A iniciativa é promovida pola Asociación Galega de Apicultura en colaboración coa Estación Científica do Courel, dependente da Universidade de Santiago. As clases impartiranse entre os días 14 e 15.

Os organizadores do curso afirman que a serra «conta coas condicións perfectas» para dedicarse á apicultura «tanto de xeito afeccionado como profesional» e apuntan que «a biodiversidade da zona e un entorno libre de contaminación e praguicidas fan deste lugar un auténtico paraíso das abellas». A longa tradición apícola deste territorio -engaden a este respecto- queda demostrada pola «elevada concentración de alvarizas, antigos colmeares amurallados para protexer as colmeas do oso».

Prezo e inscrición

O curso terá unha duración total de doce horas e diríxese principalmente «a persoas que queiran comezar na apicultura, pero tamén ás que xa teñen colmeas e queiran renovar coñecementos», sinalan os promotores. A inscrición é gratuíta para os membros da asociación organizadora e para os non socios terá un curso de cincuenta euros. A todos os participantes entregaraselles un manual que recolle os contidos do curso. As inscricións poden efectuarse a través do correo electrónico info@apiculturagalega.es ou dos teléfonos 981 508 142 e 981 589 534. Os interesados poden ademais informarse na web da asociación, no enderezo apiculturagalega.es.

O curso constará dunha parte teórica, que se desenvolverá nas aulas da estación científica -situada en Seoane- e unha prática, que terá por escenario a aldea de Seceda. Esta localidade conta con numerosos colmeares en activo, que se distinguen por ter atraído varias incursións de osos nos últimos anos. Este lugar foi o primeiro da provincia onde se logrou gravar en vídeo o ataque dun oso a unha colmea, durante o verán do 2014. Os colmeares da zona protéxense actualmente con pastores eléctricos.