Ribas de Sil pide á Xunta unha lancha de emerxencias

Francisco Albo
FRANCISCO ALBO QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

O Ges de Quiroga e Folgoso recibiu un equipo de excarceración

27 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribas de Sil pediu á Xunta unha lancha para a agrupación local de Protección Civil, aproveitando unha visita que realizou onte ao municipio o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor. Para suliñar a necesidade deste equipamento, o tenente de alcalde, Roberto Castro, e o concelleiro de Medio Rural e Protección Civil, Luis Rodríguez Macía, recordaron o caso dun veciño que desapareceu do seu domicilio o pasado outubro e cuxo cadáver foi encontrado no Sil despois de varios días de búsqueda. Os responsables municipais sinalaron que en casos deste tipo -debido á falta dunha embarcación propia-, os voluntarios locais de Protección Civil teñen que realizar as buscas percorrendo a pé as marxes do río. O rescate do corpo do referido veciño, agregaron, tivo que facerse cunha barca de propiedade particular e de escasa capacidade.

Os representantes do Concello indicaron ademais a Luis Menor que o municipio ten cerca de 22 quilómetros de curso fluvial de grande caudal onde en caso de accidentes ou de desaparicións de persoas as tarefas de búsqueda e rescate deben realizarse ás veces en condicións de alto risco. A axuda dos equipos de buceadores da Garda Civil, afirmaron por outro lado, non é suficiente, xa que entre as súas funcións non está a de inspeccionar as marxes dos ríos

Así mesmo, pedíronlle equipamentos complementarios -como motoserras e outras ferramentas- para o camión antiicendios do Concello. O vehículo foi adquirido no seu momento -cun investimento de en torno a 180.000 euros- con fondos do canon eléctrico. «O camión está moi ben equipado en canto a motor, depósito e canón de auga, pero cremos que para cumprir mellor a súa función debería levar algúns materiais complementarios, para os que ten moito espazo dispoñible», apuntou Roberto Castro.

Entrega de materiais

O director xeral de Emerxencias tamén visitou onte Folgoso do Courel a fin de facer entrega á alcaldesa Lola Castro dun novo equipo de excerceración para o grupo de emerxencias supramunicipal (Ges) que este municipio comparte con Quiroga. O material -valorado en torno aos 41.000 euros- está formado por unha cizalla, un separador, un equipo de proteccións brandas, un protector de airbag, un xogo de puntais de estabilización, outro de bloques e cuñas e seis baterías eléctricas.

Luis Menor aproveitou a súa visita á comarca para coñecer directamente as agrupacións de voluntarios de protección civil de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel e para valorar os resultados locais da campaña de revitalización destas entidades que a Xunta puxo en marcha a finais do ano pasado. Nesta campaña -recordou-, cada un dos tres municipios recibiu un esparexedor de sal para as estradas. A Quiroga e Folgoso, por outro lado, entregáronselles senllas furgonetas e a Ribas de Sil, un remolque de emerxencia.