«¿Formación? Eu aprendín con Google»

Carlos Cortés
CARLOS CORTÉS MONFORTE, VIVEIRO / LA VOZ

MONDOÑEDO

ROI FERNANDEZ

Os videoxogos son para el moito máis que un pasatempo. Xa case vive deles

05 abr 2016 . Actualizado a las 17:55 h.

Chámase Manuel Otero Cociña, naceu en Mondoñedo hai 21 anos e está traballando duro para poder vivir de facer o que máis lle gusta: xogar con videoxogos. A maior parte dos lectores adultos pensarán que iso é imposible, pero non. Como sabe ben calquera adolescente, iso non é doado pero hai quen o consigue. Manuel Otero, coñecido como Hastor por medio mundo virtual, xa ten bastante camiño andado. Gañou unha final da liga de videoxogos profesional (LVP); foi segundo na SocialNAT, unha liga que acaba de ser mercada pola cadea de tendas Game; clasificouse para unha semifinal europea da Electronic Sport League... E si, os que conseguen eses títulos gañan cartos por facelo. E ademais é toda unha autoridade modificando ordenadores para facelos máis ao seu gusto, que diso tamén hai campionatos. Manuel «Hastor» Otero falou esta semana para os estudantes do ciclo superior de Primaria do colexio de San Clodio, en Ribas de Sil. Falou de videoxogos, claro, pero non só diso.

-Que fai un campión de videoxogos dando unha charla nun colexio?

-Non fun tanto para falar de videoxogos como para explicar como cheguei ata onde estou. O que fago é facerlles ver aos rapaces como a partir dun hobby podes chegar a gañar algo e intentar vivir diso. E trato de contar como Internet nos proporciona acceso fácil á aprendizaxe, a ser autodidactas e buscar saídas profesionais.

-Os escolares quedarán entusiasmados...

-En realidade, tamén lles deixo claro que isto non é para nada fácil.

-Requirirá moitas horas de xogo, precisamente o que os pais non queren que os seus fillos fagan.

-Eu xogo a videoxogos desde que teño memoria. Iso dáme unha base, pero en realidade ata que cheguei ao bacharelato igual non lle dedicaba a xogar máis que unha hora ou hora e media diaria. Era tempo de ir mellorando. Ata daquela eu o que facía era xogar ao baloncesto, era niso no que botaba tempo. Deixei o baloncesto no momento que vin que os videoxogos me empezaban a xerar ingresos. Foi cando tiña 17 anos. Con esa idade empecei forte, pero igual dúas horas diarias co equipo. Non moito máis. Para facelo ben, non fai falta xogar miles de horas.

-¿Como se consigue, entón?

-Sendo moi autocrítico, e rodeándote dos mellores. Hai que aprender dos que están por riba de ti e respectalos. Saca o mellor de cada persoa que coñezas nese mundo, crea o teu propio estilo propio e intenta ser mellor.

-¿E así pódense gañar cartos?

-Aos 17 anos eu podía viaxar e pagarme as miñas afeccións. Cando xogaba ao baloncesto estaba no Celtas de Foz e naquela época chegamos a ser subcampións galegos, a xogar con equipos de fóra... Pois aquilo non me proporcionaba ningún ingreso. Iso si, co deporte aprendes actitudes que che valen para os videoxogos, como o interese por gañar, pola competición.

-¿Agora xa vive de xogar?

-Non completamente. Teño ingresos, pero non son constantes e aínda vivo cos pais. En calquera caso, teño proxectos en marcha e agardo vivir diso en pouco tempo.

-¿De onde lle veñen os ingresos, exactamente?

-De competicións, de eventos aos que vou e nos que me pagan, de material que me chega a casa e eu revendo...

-¿Como é iso?

-Hai empresas que me mandan material informático de xeito gratuíto para que eu o probe e comente en Internet a miña impresión. Eu quedo con parte dese material, pero o que me sobra véndoo.

-Para xogar non, pero para modificar ordenadores farán falta coñecementos de informática. ¿Que formación académica ten vostede?

-Só precisas certos coñecementos se fas modificación de software, que non é o máis habitual. Pero en realidade eu aprendín a base de Google, de romper foros. Intentei estudar informática, pero non fixen máis que o primeiro ano. Non vía que estivese aprendendo nada alí. Aínda que teñas un título de informática, o teu veciño pode saber moito máis ca ti.

«Xogar a través de Internet une máis que aílla, eu son un claro exemplo»

Manuel Otero compite con Pain Gaming, un dos equipos máis veteráns da escena profesional en España. Teñen grupos de xogadores que compiten nas ligas de League of Legends, Call of Duty e Counter Strike. Os dous últimos son títulos de acción de disparos en primeira persoa, do tipo dos que de cando en vez levantan polémicas pola súa violencia. Como calquera xogador, Hastor réstalle importancia a esas polémicas.

-¿Recorda o seu primeiro videoxogo?

-Non, pero probablemente fose o GTA [Grand Thief Auto, un videoxogo de gran éxito coñecido pola súa violencia extrema].

-¿E seus pais sabían que xogaba a iso?

-[Risas] Xogaba en Ourense co meu curmán, que era maior ca min e foi quen me introduciu nos videoxogos. Pero era o primeiro GTA, víase o coche desde arriba e pouco máis.

-¿Que opina das críticas pola violencia destes videoxogos?

-Non estou de acordo con elas. Vemos escenas violencias a diario, na televisión ou no fútbol. Porque cinco rapaces xoguen, se comuniquen en fagan amizade entre eles non teñen un problema. Isto é un entretemento e unha maneira de desenvolver a mente, porque fas estratexias para mellorar. A min non me gustan estes videoxogos porque neles «matas», senón porque vou montando o meu plan e quero gañar. Consiste en mellorar e gañar, igual que un partido de baloncesto, por exemplo.

-¿Tampoco estará de acordo con que os videoxogos aíllan?

-Iso é completamente incoherente. Unen máis que aíllan e eu son un claro exemplo. Grazas a Internet viaxei e teño amigos de todo o mundo. Eu estou no ordenador igual que ti estás no bar con amigos, só que eu podo estar en pixama.