As minas romanas de ouro, explicadas a través de imaxes

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Unha guía editada no 2010 por Río Lor cobra nova actualidade co proxecto do xeoparque da comarca quiroguesa

31 mar 2016 . Actualizado a las 10:24 h.

As iniciativas que se levaron a cabo ata agora para divulgar o patrimonio xeolóxico e mineiro do sur lucense terán un grande peso no proxecto de creación do primeiro xeoparque de Galicia, impulsado polos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil. A finais do pasado novembro, representantes destes municipios realizaron unha visita de asesoramento ao xeoparque estremeño de Villuercas, cuxos responsables insistiron na importancia de contar con precedentes deste tipo para conseguir integrarse na rede mundial de parques xeolóxicos que patrocina a Unesco. As publicacións que editou no seu día a desaparecida asociación Río Lor para difundir este patrimonio histórico entre o público non especializado, polo tanto, forman parte da documentación que servirá para apoiar a candidatura da zona á categoría de xeoparque.

A primeira publicación que dedicou Río Lor ao patrimonio xeolóxico e mineiro da zona foi a guía Unha historia xeolóxica de 500 milóns de anos, aparecida a finais do 2006. O traballo foi elaborado por Augusto Pérez Alberti e Marcos Valcárcel, profesores de xeografía física e xeomorfoloxía da Universidade de Santiago. A guía utilizou tamén as investigacións realizadas na zona por Juan Carlos Gutiérrez-Marco, xeólogo e paleontólogo pertencente ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Esta publicación dedicouse ao pregamento de Campodola e ás pegadas que deixaron os glaciares prehistóricos na Serra do Courel.

Ámbito educativo

No 2010 apareceu outra publicación que tivo unha difusión máis limitada por estar dirixida especificamente ao ámbito educativo. Trátase dunha guía didáctica titulada A minería aurífera romana nas bacías dos ríos Sil e Lor, escrita polos arqueólogos Iván Álvarez Merayo e Antonio Álvarez Núñez. A obra, acompañada de numerosas ilustracións, describe de forma sinxela a sociedade que se formou neste territorio en torno ás explotacións mineiras que existiron na época romana, principalmente entre os séculos I e II. Os autores sinalan a este respecto que a maior parte dos castros da zona -cerca de medio centenar en total- están relacionados directamente coa actividade mineira. Todo indica que os asentamentos máis próximos ás minas estaban habitados principalmente por mineiros que tamén praticaban a gandería e agricultura. Outros grupos implicados nas actividades extractivas eran os traballadores da rede viaria, os lexionarios encargados de vixiar o territorio, os artesáns que fabricaban as ferramentas e os administradores das minas, que seguramente vivían en poboacións máis importantes.

A guía didáctica presenta ademais as diferentes técnicas que foron utilizadas nestas explotacións mineiras. A máis espectacular foi a chamada ruina montium -aplicada de forma masiva nas célebres minas bercianas de Las Médulas-, que consistía en provocar derrubamentos nas ladeiras introducindo auga a grande presión nunha rede de galerías horizontais e verticais. Este método foi usado nas minas da Toca, Torubio, Millares e Monte Barreiro -todas no Courel-, nas que se moveron en total cerca de 2.700.000 metros cúbicos de rochas.

Outros métodos

Outro sistema máis elemental é o coñecido como cunchas de escorregamento, que foi empregado en Torbeo e Figueiredo, en Ribas de Sil. Neste caso abríanse gabias e pozos que se enchían de auga conducida mediante canles e cuxa finalidade era acentuar a erosión das ladeiras para provocar desmontes. Unha terceira técnica, denominada arados converxentes ou peites -usada na zona dos Medos, na Pobra do Brollón-, consistía en abrir nunha ladeira aurífera varias gabias paralelas que se unían nunha soa e polas que tamén se vertía auga.

Na actualidade é difícil encontrar exemplares da guía Unha historia xeolóxica de 500 millóns de anos e da publicación sobre a minería romana, pero estes traballos poden servir de base para novos materiais divulgativos en caso de que o proxecto de creación do xeoparque teña éxito.