«Quiroga foi moi importante na vida de Manuel María» 

Francisco Albo
francisco Albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

XOÁN A. SOLER

Estévez, amigo persoal do poeta durante moitos anos, dará unha conferencia sobre a súa estreita relación coa comarca

18 mar 2016 . Actualizado a las 17:10 h.

O profesor e escritor quirogués Xosé Estévez dará o día 23 -ás sete da tarde- unha conferencia sobre as estreitas relacións do protagonista do próximo Días Letras Galegas co val de Quiroga. O acto terá lugar na Casa de Cultura quiroguesa. Estévez -residente no País Vasco desde hai moitos anos- mantivo unha firme amizade co poeta desde 1965 e acompañouno moitas veces nas súas visitas a esta comarca. Na actualidade está preparando un libro que se titulará Manuel María e o val de Quiroga e que intentará publicar para o próximo ano.

-¿Que importancia tiñan para Manuel María as súas raíces familiares en Quiroga?

-Cando el naceu, a súa avoa quiroguesa Consuelo Casanova xa non vivía aquí, pero el dáballe moita importancia a esta relación. O val de Quiroga foi sempre un lugar moi importante na súa vida. Ademais, tiña familiares en Hospital e foi visitalos moitas veces. Tivo moito trato cun parente chamado Álvaro e coa súa muller Élida. Ela agora está viúva e curiosamente vive na Coruña no mesmo edificio que Saleta Goi, a viúva de Manuel María.

-¿Visitaba con moita frecuencia a comarca?

-Veu moitísimas veces. Un dos seus sitios favoritos era o desparecido bar do Tito, que estaba enfronte da Casa do Concello. Cando pechou o negocio escribiu sobre el un artigo con moita nostalxia. Gustáballe moito tamén vir ao antigo bar Remansiño a comer troitas e carnes de caza cando era a época. En Quiroga tivo ademais grandes amigos, como o erudito local Xoán Rolo e o pintor Xosé Teixelo Pin, que ilustrou o seu libro Sonetos ao Val de Quiroga. E tamén escribiu artigos sobre o filólogo e escritor Ernesto Guerra da Cal, que pasou a infancia en Quiroga e sempre se considerou quirogués. Hai que lembrar por outro lado que o Concello recoñeceu esta importante relación cando o distinguiu co título de amigo de Quiroga. Un detalle singular da súa biografía é o feito de que en 1976 foi multado con 150.000 pesetas, que era entón moitísimo diñeiro, por participar en Quiroga nunha manifestación contra unha planta de celulosa que entón se proxectaba construír nesta zona.

-¿Que presenza ten esta terra na súa obra?

-Ademais dos Sonetos ao Val de Quiroga, que acaban de reeditar, escribiu moitas outras cousas. Publicou artigos sobre Montefurado, sobre os antigos bares de Quiroga, sobre os personaxes populares da comarca, como a bruxa de Torbeo.... Ou sobre o Penela, un gaiteiro moi pequeniño que subía ao tren en Ponferrada e tocaba a gaita durante toda a viaxe ata Monforte. Tamén escribiu un conto titulado O Kricói está no Cereixal, que está ambientado nunha aldea de Quiroga que se chama realmente así e que xa quedou deshabitada nos anos sesenta. Ese relato foi recollido no libro Os ontes do silencio. O protagonista é un grilo doméstico chamado Kricói, que vivía nunha casa da aldea e que cando se van os últimos veciños queda totalmente só e acaba morrendo de tristura.

-¿Hai textos seus sobre a comarca que seguen sen publicar?

-Si, hai cousas que seguen inéditas, como algúns poemas, ou o pregón que pronunciou das festas de outono en San Clodio en 1985. Eu teño unha copia do texto é e excepcionalmente longo. Ten doce follas, cando normalmente os textos que escribía para os pregóns non pasaban de cinco. Tampouco está publicado o discurso que deu cando o nomearon amigo de Quiroga.

-¿Coincidiu moitas veces con el no País Vasco?

-Estivo na miña casa de Oiartzun nada menos que dezaseis veces. Foi moito por alí, principalmente a dar conferencias e recitais de poesía nos centros galegos. Visitei con el todos os que hai no País Vasco -que son trece en total- coa única excepción do de Ondarroa. Participou en celebracións do Día de Galicia en Euskadi que se organizaron en Donostia, Barakaldo, Sestao, Ermua, Laudio, Trintxerpe... E tamén tratou persoalmente con intelectuais e artistas vascos moi importantes, como o poeta Gabriel Aresti, o músico Mikel Laboa ou o etnógrafo Juan Garmendia Larrañaga. Tamén o acompañei nunhas viaxes ao outro lado da fronteira que estaban relacionadas coa profunda admiración que el tivo sempre polo poeta francés Francis Jammes. Este escritor, que faleceu en 1938, está enterrado en Hazparne, unha vila do País Vasco francés. Fun tres veces con Manuel María a deixar flores na tumba do poeta.

As pegadas da avoa quiroguesa

En Quiroga consérvanse as ruínas dunha casa que foi propiedade dos condes de Torre Penela, onde viviu Consuelo Casanova, avoa de Manuel María. Ela era filla dos administradores da casa, que a tiñan como domicilio. O poeta nunca visitou neste lugar á súa avoa -que xa non vivía en Quiroga por entón-, aínda que si foi velo máis tarde en diversas ocasións. Consuelo Casanova casara na chamada casa de Vilanova, perto de Nadela. Manuel María coñeceu na súa infancia este último lugar, que lle inspiraría o seu coñecido libro Muiñeiro de brétemas. No poema que escritor dedicou á súa avoa quiroguesa dixo dela: «É que levaba a Quiroga na lembranza/ como se leva un destino, unha bandeira/ un ensoño que se ama e non se alcanza»