¿Que sabemos sobre os monumentos megalíticos?

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

O SAVIÑAO

ALBERTO LÓPEZ

Unha enquisa sinala unha actitude positiva dos veciños do Saviñao con respecto á conservación dos túmulos prehistóricos

07 feb 2016 . Actualizado a las 21:40 h.

Nos municipios do sur lucense non é fácil determinar o nivel de coñecemento que teñen os veciños acerca do patrimonio arqueolóxico da zona e do seu valor, xa que ata agora non se fixeran estudos específicos sobre esta cuestión. A primeira iniciativa neste terreo foi levada a cabo dentro do proxecto Á Luz das Mámoas, cuxos responsables acaban de dar coñecer os resultados dunha enquisa sobre o patrimonio arqueolóxico do Saviñao -máis concretamente sobre os monumentos megalíticos- realizada o pasado ano.

A enquisa levouse a cabo entrevistando a veciños do municipio de todos os grupos de idade e diferentes niveis de estudos. Unha parte das preguntas referíase ao nivel de coñecemento dos xacementos megalíticos locais. O resultado indicou que unha ampla maioría dos entrevistados -o 85,7%- coñecía a existencia do dolmen de Abuíme. Esta elevada porcentaxe, ao xuízo do colectivo Á Luz das Mámoas, demostra que «a pesar das décadas de esquecemento por parte da comunidade científica e da falta de coidado por parte das administracións, é un monumento altamente representativo do concello». Esta popularidade -engaden- débese en boa parte ás «accións de divulgación e protección executadas pola Asociación Veciñal do Saviñao, logrando sinalizalo, organizando visitas guiadas e preocupándose por manter limpos a parcela e mais o acceso».

Recuperación da cuberta

Os responsables do proxecto indican por outro lado que nos últimos anos tamén axudou a facer máis coñecido o dolmen de Abuíme o feito de que no 2012 se recuperase a pedra que supostamente serviu de cuberta ao monumento e que fora reutilizada como abrevadoiro de gando nunha casa da localidade de Pacios, na parroquia de Vilasante. Esta peza foi trasladada a Escairón e instalada no patio da Casa de Cultura. As excursións escolares, sinalan así mesmo desde Á Luz das Mámoas, «son outro punto a favor do seu coñecemento que tamén se documentou nestas pesquisas».

Porén, son moitos máis os veciños que descoñecen o feito de que o dolmen de Abuíme forma parte dun amplo conxunto de túmulos megalíticos -catorce xacementos en total- que se estende tamén pola veciña parroquia de Piñeiró. Neste caso, só o 31,8% dos enquisado coñecían a existencia destes xacementos.

En canto á orixe e á función destas construcións, máis da metade dos veciños -o 53,3% do total- apuntaron que estes monumentos tiveron orixinalmente un uso funerario. A enquisa rexistrou máis dúbidas no que respecta á epoca en que se levantaron os túmulos, xa que só unha de cada dez persoas tiña unha idea clara a este respecto, mentres que catro de cada dez souberon situala na Prehistoria.

Os investigadores preguntaron ademais aos veciños se lles gustaría ver estes monumentos e saber máis acerca deles. A resposta foi amplamente positiva. O 75,9% respondeu que si, o 13,8% que non e o 10,3% ficou encadrado na rúbrica «non sabe / non contesta».

Unha das principais conclusións que se sacaron da enquisa -comentan os membros do colectivo- foi que que a maioría de enquisados tiñan unha visión positiva do patrimonio arqueolóxico e mesmo algúns deles sinalaron a necesidade de levar a cabo melloras no acceso e na visualización dos túmulos. Os autores do traballo puntualizan por outra parte que a enquisa foi feita antes de que se levasen a cabo as actividades programadas no referido proxecto -desenvolvidas o pasado outubro-, que tiña por fin divulgar o patrimonio megalítico do municipio e fomentar o seu aproveitamento cultural e turístico. É posible que o grao de coñecemento e de apreciación do patrimonio megalítico no municipio se incrementase desde entón.

recuperación e divulgación

O proxecto Á Luz das Mámoas contou co apoio do programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e foi deseñado e impulsado por un grupo de alumnos da Escola de Conservación e Restauración dos Bens Culturais de Galicia. As actividades comprenderon a limpeza e sinalización dos túmulos megalíticos de Abuíme e Piñeiró (na fotografía da dereita) e unha serie de actos divulgativos sobre esta parcela do patrimonio arqueolóxico